19:00
Relatorio arredor da novela 'Tabiba', de María Xosé Porteiro

Relatorio arredor da novela "Tabiba", de María Xosé Porteiro

Relatorio arredor da novela:

“Tabiba”


Autora: María Xosé Porteiro (escritora, xornalista, política)

Interveñen: Manuel Bragado (pedagogo, escritor, editor), Alberto Avendaño (xornalista, escritor), Xabier Romero (director de Editorial Elvira) e María Xosé Porteiro

Día: venres, 19 de abril de 2024

Hora: 19:00

Lugar: área de cristal do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra (rúa do Padre Amoedo Carballo, 3; andar 0)



O Ateneo de Pontevedra organiza un relatorio arredor da novela Tabiba, de María Xosé Porteiro, publicada por Editorial Elvira.

A actividade terá lugar o vindeiro venres, 19 de abril, ás 19 horas, na área de cristal do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. A autora estará acompañada por Manuel Bragado, Alberto Avendaño e Xabier Romero.

A entrada é libre ata completar capacidade.


Da obra

Disque do amor ao odio só hai un chanzo. Con Tabiba, María Xosé Porteiro mergúllanos nun mundo de paixóns contraditorias que oscilan entre ambos sentimentos.

Nos escenarios desta novela, desde o Alto Atlas ata o deserto de Sahel, da Mariña luguesa ata Londres e desde calquera outro lugar do mundo ata Barcelona, aniñan seres á procura do esencial e do transcendente, da razón e da loucura.

Quen entre no mundo que agachan estas páxinas soñará con galopar a lombos dunha Harley e desexará repensar a vida enriba dun dromedario, como o fai Tabiba.

O autor do limiar da novela é o xornalista e escritor Alberto Avendaño.


Da autora

María Xosé Porteiro (Madrid, 1952), criouse na Habana e reside en Vigo, desde onde desenvolveu boa parte da súa actividade profesional, política e social. Xornalista de profesión, desde os anos 70 traballou en prensa escrita, radio, televisión e comunicación corporativa.

Participou en política no PSdeG en diferentes ocasións entre 1987 e 2019. Foi concelleira en Vigo en 1987 e 2003 onde dirixiu a primeira concellería da Muller con servizos públicos especializados. Deputada autonómica por Pontevedra en dúas lexislaturas, parlamentaria nas Cortes españolas e membro das Asembleas parlamentarias do Consello de Europa e da Unión Europea Occidental, foi tamén observadora electoral acreditada en Líbano, Bosnia e Venezuela. Primeira Delegada de Galicia no Exterior en 2007; en 2009 recibiu a Encomenda ao Mérito Civil pola súa contribución á política exterior española; en 2019 recibiu o premio Primeiro de Maio ao Compromiso Social e á Solidariedade, de CCOO; e, en 2020, o Ernestina Otero, do Consello da Muller de Vigo, polo seu labor e traxectoria no Feminismo.

No eido cultural, participou na creación de distintos foros como os Premios da Crítica de Galicia (1978), Mulleres galegas na comunicación (1989), Ateneo Atlántico de Vigo (2017) e Asociación Évame Oroza (2022). De 2014 a 2022 foi membro do Consello da Cultura Galega, onde puxo en marcha e dirixiu o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos. Foi directora xerente de Incolsa, en Compostela, e dirixiu o Museo do Ferrocarril de Delicias-Madrid. En 2019 foi elixida adxunta á Valedora do Pobo.

Publicou narrativa e ensaio: Covardes (gal. Ir Indo, 2001), Vine, vi y hable... Las mujeres frente al discuso público (cast. Auga Ed., 2012), Sándalo (gal. Ed. Galaxia, 2019), Buscando a Clara (gal. Ed. Elvira, 2019) e Tabiba (gal. Ed. Elvira, 2023).



COLABORA: Museo de Pontevedra.

Download App iOS
VIRAL App
Download App Android