19:00
Proxección do documental 'A última dorna de Ons', de Anxo Cabada e Antón Davila

Proxección do documental "A última dorna de Ons", de Anxo Cabada e Antón Davila

Proxección do documental:

“A última dorna de Ons”

Autores: Anxo Cabada (fotógrafo) e Antón Davila (músico, produtor audiovisual)

Interveñen: Xaime Toxo (escritor, presidente do Ateneo de Pontevedra), Anxo Cabada e Antón Davila

Día: xoves, 11 de abril de 2024

Hora: 19:00

Lugar: salón de actos do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra (rúa do Padre Amoedo Carballo, 3)

O Ateneo de Pontevedra organiza a proxección do documental A última dorna de Ons, de Anxo Cabada e Antón Davila.

O acto terá lugar o vindeiro xoves, 11 de abril, ás 19 horas, no salón de actos do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. Os autores estarán acompañados por Xaime Toxo.

A entrada é libre ata completar capacidade.

Da obra

O fotógrafo Anxo Cabada e o músico Antón Davila son os autores do documental A última dorna de Ons, un audiovisual que conta a historia de Cesáreo Patiño, mariñeiro de 80 anos, supervivinte dunha forma de pescar ao xeito tradicional a bordo da súa dorna ‘Carmen’. “A obra xorde da preocupación pola perda do patrimonio inmaterial de Ons, con Patiño desaparece todo o saber dunha xeración”, explica Cabada.

Cesáreo Patiño é o último testemuño dunha frota artesanal que no seu día contaba, alomenos, cunha embarcación por familia en Ons. Patiño aínda sae a pescar polbo e conserva a técnica de antes da chegada das nasas. Desde que morreu a súa muller, xa non vive permanentemente na illa. Compaxina as súas estancias con períodos en Bueu, onde tamén viven outros veciños.

O documental achégase á realidade que o sueco Staffan Mörling, antropólogo que visitou Ons para o seu estudo das embarcacións tradicionais, atopou nos anos sesenta. Mörling defendía a idea de que a dorna era unha adaptación galega dos antigos barcos viquingos, e quedou fascinado ao ver un número tan grande destes barcos nas praias de Ons. Mörling dicía que na dorna se agochaba a identidade galega, así que a dorna “representa a derradeira épica duna civilización que se extingue”, apunta Cabada.

Anxo Cabada comparte este proxecto -patrocinado polo Parque Illas Atlánticas- con Antón Davila, músico e produtor audiovisual de Bueu. No documental, Davila realizou imaxes terrestres e aéreas de Ons, son, banda sonora, montaxe e maquetación.

Teaser de A última dorna de Ons: https://www.youtube.com/watch?v=S1SLkGaxyMo&list=TLGGazmJZZob60AxOTAyMjAyNA

Dos autores

Anxo Cabada. Natural de Sabucedo, entre cabalos salvaxes, compaxina o ensino coa fotografía. No 1985 realiza a súa primeira exposición. No 1988 percorre o Bierzo a cabalo co xornalista Valentín Carrera do que sae o libro de viaxes “El viaje del Vierzo”.

No 1990 é realizador da serie para a TVG “Os viaxeiros da luz”, unha aventura pola xeografía galega.

O mar, a terra e as vilas de Galicia son os traballos fotográficos que xunta con textos literarios das escritoras e escritores, fotografía e literatura fundidos na mesma expresión.

No 2010 realiza como presentador a serie de entrevistas “Ao fío do retrato”, 13 capítulos para a TVG. No 2018 presenta a exposición “O imaxinario do país. Letras de magnesio”, onde retrata os rostros da literatura de Galicia.

Unha mirada portátil, no mar, na terra, nas vilas, nas letras de magnesio, nas sombras atlánticas… unha danza entre o verso, o pincel, e a música, cun pano de fondo: a xeografía facial do noroeste.

OBRA

“A última dorna de Ons” Documental, 2023 “Sombras Atlánticas. Retratos da arte galega”. Museo de Pontevedra. Novembro 2022 “Luz de verso”. Castelo de Pambre. Maio 2019. “O Imaxinario do País”. Retratos de escritoras e escritores galegos. Deputación de Pontevedra. Casa das Artes de Vigo. 2018 “Vilagrafías” Fotografías e textos das vilas e cidades galegas. Casa museo Verbum Vigo 2012 “Noroeste”. Fotografías na T4. Aeroporto Barajas. Madrid. 2011 Fotografías e textos do mar e da terra”. Sala Caixanova. Vigo. 2010 “Ao fío do retrato”. Presentador serie entrevistas TVG. 2010 “Viaje al interior de una província”. Libro de viaxes.Ibisa.”2009 “Terragrafías”. Fotografías e textos sobre a terra. Edificio Xunta de Galicia. Pontevedra. 2009. “Maregrafías”. Exposición no Pazo da Cultura, Pontevedra 2008 “Materia de sombras”. Libro de autor. Edit Diputación de Pontevedra. 2005 “Maregrafías”. Fotografías e textos sobre o mar.Galería Sargadelos. Barcelona 2005. “Sadarim.Retratos do tempo”. Galería Modigliani. Vigo 2005 “As viaxes”. Pazo da Cultura. Pontevedra. 2003 “Retratos do mar”.Percebeiros. Sala Amalia Domínguez Búa. Bueu. 2000 “Ardentía”. Dous fotógrafos ante o mar. Outono fotográfico. Ourense 1994 “Os viaxeiros da luz”. Realizador da serie para a TVG. 1989 “O mar da memoria”. Libro de fotos antigas. Consellería de Pesca. 1989 “Bretaña”. Sala de Exposicións BBVA. Vigo. 1988 “El viaje del Vierzo”. Libro de viaxes. Edit Ibisa. 1988 “Fotobienal”. Banco de España. Vigo. 1988 “Jóvenes fotógrafos españoles”. Sala Amadís Ministerio de Cultura. Madrid 1987 “Branco e negro”. Presenzas fotográficas en Galicia. Museo de Pontevedra 1987 “Cinco fotógrafos galegos”. Sala dos Peiraos. Vigo. 1987 “Fotovedra”. Fotógrafos pontevedreses. Museo de Pontevedra. 1985 “Foco 85”. Fotógrafos galegos no Círculo de Bellas Artes. Madrid. 1985 “Ollares no tempo”. Colectiva fotógrafos galegos. Kiosko Alfonso. A Coruña 1985

Antón Davila naceu en Beluso, pequena parroquia do Concello de Bueu, no ano 1974. Aos 7 anos comeza a súa aprendizaxe na Banda de Gaitas Novos Ventos de Beluso, coa que percorreu boa parte da música galega e a xeografía española, así como unha xira por Alemaña en 1985.

En 1990 deixa a banda de gaitas, comeza a estudar piano e asiste a cursos impartidos por prestixiosos gaiteiros galegos e internacionais. De 1992 a 1996 formou parte de grupos como Ultreia (cuarteto tradicional) e Amairxen (quinteto folk).

En 1997, interesado polas gaitas irlandesas, marchou a Dublín. Recibiu as súas primeiras clases no prestixioso club Na Píobaíri Uilleann. Tamén tomou algunhas leccións de gaiteiros como Neillidh Mulligan, Mick O'Briain e Flaíthrí Neff. Comezou a tocar nos Temple Bar Pubs de Dublín con diversos músicos como Mick MacNamara, Tommy Martin, Eamon de Barra, Alan Doherty... e tamén coa banda Shinook no Viking Centre e o Temple Bar Music Centre. En marzo de 1998, baixo a dirección de Les Comediants, participou no masivo espectáculo musical do día de San Patricio en Dublín.

En agosto de 1998 interpretou en Lorient (Francia) coa Orquestra Sinfónica de Bretaña unha composición do escocés Eddie McGuire, titulada L'Epopée Celtique.

En setembro de 1998 regresou a Dublín para comezar unha xira por Suecia, Dinamarca e Holanda coa banda irlandesa The Big Jigs.

En xaneiro de 1999 participou en Celtic Connections, en Glasgow. No Royal Concert Hall interpretou por segunda vez a obra L'Epopée Celtique xunto a máis de 160 músicos: a Scottish Symphony Orchestra, a banda de gaitas escocesa The Scottish Power Pipe Band, o Bagad Kemper de Bretaña, o coro de 60 persoas The Flint Male Choir de Gales, The Whistlebinkies de Escocia, Emma Christian da Illa de Man, Flaithrí Neff de Cork,…

En marzo de 1999 volve visitar Irlanda, podendo amosar música galega na Universidade de Cork.

En abril de 2000 fundou a banda Aran, coa que gravaría o seu único CD, titulado GalÉire.

En novembro de 2000 participou no Tumbus Festival de Cerdeña, xunto a gaiteiros de Escocia, Irlanda, Italia e Eslovaquia.

En abril de 2001, 2003, 2005, 2007, 2011 e 2017 participou no festival Shennaghy's Jiu, na Illa de Man.

Actualmente forma parte do grupo Celtas Cortos e tamén traballa no mundo audiovisual coa súa propia produtora.

No 2002 comezou a súa relación co mundo audiovisual, compoñendo e gravando bandas sonoras para documentais, e desde o ano 2010, ademais, sonorizando e editando as imaxes dos mesmos. Estas son as obras nas que traballou:

“Terras de Merlín” (2002) “Muíños tradicionais en Pontevedra” (2003) “Amelia de Terra de Montes” (2004) “Valle-Inclán, o tempo de Vilanova” (2005) “Petróglifos, testemuñas do tempo” (2006) “BSO Cars” (2006) “BSO Spot Mundial de futbol 2006” (2006) “BSO Spot Asturias Paraíso Natural” (2006) “A muiñada do Salnés” (2007) “Julio Camba, crónica dunha vida” (2007) “O espía da natureza I” (2010): •Cando baixa a marea •A serra do Candán •En busca do mexillón de río •As casas dos mouros •Os muíños de vento

“Veciñas do aire” (2011) “Pontesampaio e A Canicouba, sinfonía de pedra e auga” (2013) “O espía da natureza II” (2013): •As brañas de Xestoso •Alvarizas, castelos do mel •A xungla de pinchos •O Románico sexual e algo máis •A ruta da pedra e da auga

“Sombras Atlánticas” (2022) “Audiovisuales Mãe” – Quico Comesaña (2023) “A última dorna de Ons” – Anxo Cabada e Antón Davila (2023)

COLABORA: Museo de Pontevedra.

Download App iOS
VIRAL App
Download App Android