19:30
Relatorio arredor da novela 'Quen escribirá a miña historia?', de Iria Morgade Valcárcel

Relatorio arredor da novela "Quen escribirá a miña historia?", de Iria Morgade Valcárcel

Relatorio arredor da novela:

“Quen escribirá a miña historia?”

Autora: Iria Morgade Valcárcel (escritora, profesora)

Interveñen: Xaime Toxo (presidente do Ateneo de Pontevedra), Xosé Álvarez Castro (historiador, autor do blog e do libro ‘Pontevedra nos anos do medo’) e Iria Morgade Valcárcel

Día: venres, 20 de outubro de 2023

Hora: 19:30

Lugar: área de cristal do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra (rúa do Padre Amoedo Carballo, 3; andar 0)

O Ateneo de Pontevedra organiza un relatorio arredor da novela Quen escribirá a miña historia?, de Iria Morgade Valcárcel, publicada por Editorial Galaxia.

A actividade terá lugar o vindeiro venres, 20 de outubro, ás 19:30 horas, na área de cristal do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. A autora estará acompañada por Xaime Toxo e Xosé Álvarez Castro.

A entrada é libre ata completar capacidade.

Da obra

As persoas presas no campo de concentración fronte ao mar non paraban de debuxar nas paredes do mosteiro. Facíano quizais para voar lonxe do horror. Tamén escribían, deixando nos muros as súas últimas mensaxes, os seus derradeiros pensamentos.

Unha desas frases convértese para Alba nun enigma que é preciso resolver. Intentalo levaranos a unha viaxe entre os anos trinta e o novo milenio, entre dous confinamentos ben diferentes, entre o presente e o pasado, aquel dos presos do mosteiro, pero tamén o da propia Alba, cativa, tamén ela, da violencia que non pasa.

Da autora

Iria Morgade Valcárcel (1988) é licenciada en Ciencias Políticas. Traballa como profesora de Formación Profesional no IES Luís Seoane (Pontevedra) e dedícase á investigación en temas relacionados coa memoria, o discurso social e a mobilización social e política, realizando a súa tese de doutoramento na USC. Pertence ao grupo Histagra.

No eido académico publicou nas revistas Tempo Exterior e Revista Galega de Educación, e colaborou en obras colectivas como Sites of Violencie and Memory in Modern Spain. From de Spanish Civil War to the Present Day (2021), baixo a coordinación de Antonio Míguez, e Golpistas e verdugos de 1936. Historia dun pasado incómodo, baixo a edición de Lourenzo Fernández e Antonio Míguez (Editorial Galaxia, 2018).

Iniciouse na narrativa coa novela Verbas no ar (2011), VI Premio Biblos.

COLABORA: Museo de Pontevedra.

Download App iOS
VIRAL App
Download App Android