19:00
Conferencia: 'Galicia e Portugal. Irmandade e fronteira', por Ramón Villares

Conferencia: "Galicia e Portugal. Irmandade e fronteira", por Ramón Villares

Conferencia:

“Galicia e Portugal. Irmandade e fronteira”

Relator: Ramón Villares (historiador)

Interveñen: Xosé Fortes (historiador), Lourdes Varela (licenciada en Xeografía e Historia, colaboradora de Faro da Cultura e Faro de Vigo) e Ramón Villares

Día: xoves, 25 de xaneiro de 2024

Hora: 19:00

Lugar: área de cristal do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra (rúa do Padre Amoedo Carballo, 3)

O Ateneo de Pontevedra organiza a conferencia Galicia e Portugal. Irmandade e fronteira, impartida polo historiador Ramón Villares.

A actividade terá lugar o vindeiro xoves, 25 de xaneiro, ás 19 horas, na área de cristal do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. O relator estará acompañado por Xosé Fortes e Lourdes Varela.

A entrada é libre ata completar capacidade.

Sinopse

A conferencia está baseada no ensaio de título homónimo (Galicia e Portugal. Irmandade e fronteira). Esta obra, nunha primeira versión en lingua portuguesa, tiña como horizonte establecer un diálogo coa historia e coa cultura portuguesas, feito en claves galegas, pero non desconectadas da cerna histórica de Portugal; pero tamén como unha mirada ao futuro que permita entender que Galicia e Portugal poderán alcanzar unha nova dimensión institucional e un importante peso rexional no cadro da Unión Europea, aproveitando as vantaxes das políticas transfronteirizas.

Os contidos básicos daquel ensaio publícanse agora en Editorial Galaxia, con algunhas revisións e engadidos para o lector galego. O libro é unha aposta por contribuír ao diálogo intelectual entre Galicia e Portugal, como fixeron moitos dos nosos devanceiros, desde a maioría dos membros da xeración Nós, con Vicente Risco de cabezaleiro daquela estratexia, ata a xeración Galaxia, nomeadamente por parte de Ramón Piñeiro e Fernández del Riego, que encontraron excelentes interlocutores alén Miño e mantiveron aceso ese diálogo durante moitos anos.

Do relator

Ramón Villares Paz (Xermade, 1951) é un dos historiadores galegos con maior prestixio e cunha obra de recoñecida solvencia na que destacan Foros, frades e fidalgos (1982), coa que obtivo o Premio da Crítica Galicia na modalidade de ensaio, Desamortización e réxime de propiedade (1994), Figuras da nación (1997), Fuga e retorno de Adrián Solovio (2006, 2007 e 2018) ou Identidade e afectos patrios (2017). Tamén cómpre salientar a súa faceta de divulgador da Historia de Galicia, singularmente cos seus libros A Historia (1984) e Historia de Galicia (2004, 2016), onde ofrece unha visión sintética das grandes etapas da historia galega e que tivo unha enorme repercusión entre os lectores do país. Foi presidente do Consello da Cultura Galega (2006-2018), decano da Facultade de Xeografía e Historia (1986-1990) e reitor magnífico da Universidade de Santiago de Compostela (1990-1994). Ademais dos xa citados, en 2005 foi galardoado co Premio Fernández Latorre e no 2018 co Premio da Cultura Galega de Proxección Exterior.

COLABORA: Museo de Pontevedra.

Download App iOS
VIRAL App
Download App Android