19:00
Relatorio arredor da novela 'Os números viaxeiros', de Xulio Teixeira Rodríguez

Relatorio arredor da novela "Os números viaxeiros", de Xulio Teixeira Rodríguez

Relatorio arredor da novela:

“Os números viaxeiros”

Autor: Xulio Teixeira Rodríguez (escritor, profesor de Dereito da UVigo)

Interveñen: Antón Sobral (artista, directivo do Ateneo de Pontevedra), Xulia Teixeira Rey (inspiradora da novela e ilustradora da portada), Carla Teixeira Rey (inspiradora da novela) e Xulio Teixeira Rodríguez

Día: martes, 5 de decembro de 2023

Hora: 19:00

Lugar: área de cristal do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra (rúa do Padre Amoedo Carballo, 3; andar 0)

O Ateneo de Pontevedra organiza un relatorio arredor da novela Os números viaxeiros, de Xulio Teixeira Rodríguez.

A actividade terá lugar o vindeiro martes, 5 de decembro, ás 19 horas, na área de cristal do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. O autor estará acompañado por Antón Sobral, Xulia Teixeira Rey e Carla Teixeira Rey.

A entrada é libre ata completar capacidade.

Da obra

Os números viaxeiros é unha novela familiar, un libro para toda a familia que poden ler nenas e maiores, xuntas ou por separado. Aínda que ten unha trama na que as protagonistas son dúas nenas, cunha liña de mocidade, pretende ser un punto onde atoparse persoas de todas as idades que se verán recoñecidas nas súas historias.

Unha característica salientable é que se trata dunha novela escrita en feminino e cunha visión feminista. Como se sinala na advertencia inicial do libro, a escrita en feminino ten intención de dar visibilidade á discriminación lingüística do xénero feminino, o que reflicte unha realidade de sociedade patriarcal e machista. E, por outra banda, é unha novela que quere afondar na igualdade das persoas, é dicir, é feminista no senso conceptual de dita verba. Todas as persoas somos iguais.

No contido é unha novela de suspense, misterio e aventura onde a imaxinación percorre unha trama por diferentes zonas do mundo seguindo as pegadas dunhas postais que reciben as dúas protagonistas principais (Xulia e Carla) na procura dunha resposta a unha pregunta esencial:

Onde está o teu mundo?

Entre números e letras, dúas irmás, Xulia e Carla, atoparanse inmersas nun misterio de postais, países e culturas que as levará polas viaxes imaxinarias das súas vidas para descubrir os sentimentos mais esenciais a través do cariño, a amizade e o respecto á diferencia.

A aprendizaxe no camiño que todas percorremos para nos atopar, un paseo polo tempo que nunca remata e que sempre levamos no corazón.

Unha aventura para recoñecernos no noso mundo. Na vila de Pontelouro (entre Pontevedra e O Porriño), a vila onde se desenvolve a súa vida, está a súa resposta.

E onde está a túa? Onde está o teu mundo? Este libro axudarache a atopalo. Atrévete a camiñar o teu espazo e o teu tempo.

Descubre o teu mundo!

Do autor e as inspiradoras da novela

Xulio Teixeira Rodríguez (O Porriño) é pai de Xulia e Carla, avogado e profesor de Dereito da Universidade de Vigo, tendo publicado varios libros sobre temas xurídicos (A detención, O axuizamento penal das menores...) e participado en diversas publicacións científicas no campo do Dereito. Así mesmo, é autor dun libro de poesía titulado De amor e outros medos, publicado por Chiado Editorial.

A súa vocación social e de aprendizaxe fixéronlle traballar como voluntario de Dereitos Humanos en varios países de Latinoamérica, como Perú, Guatemala, Ecuador, Bolivia ou Colombia, así como a viaxar, moitas veces coas súas fillas, por diferentes países doutros continentes, compartindo experiencias con diversas e variadas culturas.

Xulia Teixeira Rey (Pontevedra) é estudante de 3º da ESO no Instituto Valle Inclán. Entusiasta da danza é bailarina de ballet dende a súa nenez e ten participado en múltiples espectáculos. Foi finalista dun Premio de relato curto no ano 2020. Hoxe en día é tamén protagonista do libro Os números viaxeiros.

Carla Teixeira Rey (Pontevedra) é estudante de 5º de Primaria no colexio Álvarez Limeses. Practica violín e danza moderna e tamén ten participado en diversos espectáculos. Coa súa irmá Xulia, é a protagonista máis inocente do libro que presentamos.

COLABORA: Museo de Pontevedra.

Download App iOS
VIRAL App
Download App Android