USC Universidade de Santiago de Compostela
Praza Do Obradoiro, S/N - Santiago de Compostela Ver web
A Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo acolle a mostra ‘Lorca e Galicia: 90 aniversario da primeira edición de Seis poemas galegos’ que permanecerá neste espazo ata o 21 de xuño. Tras a súa primeira presentación no Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela, a mostra chega agora á Biblioteca Intercentros de Lugo, ampliando o seu alcance e consolidándose como unha proposta de referencia no marco das actividades conmemorativas arredor da figura de Lorca en Galicia.
A exposición conmemora o 90 aniversario da primeira edición de Seis poemas galegos (1935), unha obra excepcional na traxectoria de Federico García Lorca e un fito da literatura galega do século XX, que exemplifica o vínculo cultural e literario do autor con Galicia. O proxecto expositivo propón un percorrido polo contexto histórico e creativo no que xorde esta publicación, así como pola súa recepción e significado no ámbito da literatura galega.
Lingua galega
A través de paneis divulgativos e materiais documentais, a exposición achega ao público a dimensión galeguista de Lorca e o valor simbólico dunha obra clave no diálogo cultural entre Galicia e outras tradicións literarias. Así mesmo, pon en valor a lingua galega como espazo de creación literaria e de encontro entre culturas. No marco do acto inaugural, Paloma Lugilde, encargada de Actividades Culturais do Campus de Lugo e estudante de doutoramento especializada na obra de Federico García Lorca, realizará a lectura dun fragmento de Poeta en Nueva York, contribuíndo a contextualizar a dimensión internacional e contemporánea do autor.
A exposición insírese tamén na celebración do Día de Lorca en Galicia, iniciativa promovida polo editor Henrique Alvarellos para o 25 de outubro, en lembranza da visita do poeta a Galicia, e que desde a súa primeira edición contou coa participación de centros educativos, institucións e público diverso de toda a comunidade.
A mostra poderá visitarse ata o 21 de xuño na Biblioteca Intercentros de Lugo, consolidando este espazo como punto de referencia para a difusión cultural e a reflexión arredor do patrimonio literario compartido. Tanto a exposición como o mapa asociado poderán consultarse tamén de maneira virtual a través dunha guía elaborada pola biblioteca, accesible mediante códigos QR.
Fuente: https://www.usc.gal//gl/xornal/eventos/mostra-lorca-galicia-90-aniversario-primeira-edicion-poemas-galegos
Praza Do Obradoiro, S/N - Santiago de Compostela Ver web
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar