N/D
Mostra 'Contrarreloxo'

Mostra 'Contrarreloxo'

  • Evento destacado
  • Evento terminado
  • Calendario
A Biblioteca de Ciencias da Comunicación acollerá do 20 de abril ao 17 de maio a exposición fotográfica 'Contrarreloxo', proxecto expositivo de Icía García. 'Contrarreloxo' propón unha mirada íntima, e ao tempo universal, sobre un dos grandes ineludibles da experiencia humana: o tempo. Un xigante invisible do que ninguén pode escapar e que deixa pegadas silenciosas nos corpos e nas vidas. A través da fotografía, Icía García detense nos pequenos detalles das mans, unha parte do corpo que raramente ocupa o centro da reflexión cando se fala das marcas temporais, pero que garda historias, esforzos e emocións acumuladas ao longo dos anos.

A exposición é un achegamento ás distintas xeracións da súa propia familia, creando un relato visual no que o persoal se converte en colectivo. As mans, fotografadas con sensibilidade e contención, amosan cicatrices, engurras, xestos e texturas que falan do vivido e do transmitido. A autora invita así a reparar na nosa propia historia e na daqueles que nos precederon, lembrando que moitas veces non somos conscientes de todo o que tiveron que facer outras persoas para que nós poidamos ocupar o lugar no que estamos no presente. "O noso lugar social como nos di John Rawls non é gratuíto, cómpre lembrar que o lugar que cada quen ocupa no presente non é un logro exclusivamente propio, senón o resultado dunha rede de coidados, esforzos e decisións colectivas acumuladas ao longo do tempo", explican dende a organización da mostra. "Somos, inevitablemente, herdeiros: de traballos invisibles, de corpos que sostiveron outros corpos, de tempos entregados por outras persoas para que nós poidamos estar onde estamos", engaden.

O traballo de Icía García fainos enlazar con autores como Nicolas Nixon ou Sally Mann, onde se fai uso dos arquivos familiares e se vai na procura do tempo vivido máis que ao tempo abstracto. A súa decisión de centrar a mirada nas mans é salientable, xa que estas son memoria funcional, o corpo que traballa, coida e transmite; son un lugar onde o tempo se acumula sen necesidade de rostros. Lonxe dunha lectura meramente material, 'Contrarreloxo' preséntase como un agasallo para a memoria de quen a visita, apelando a unha observación atenta e demorada. Entre as imaxes emerxen conceptos como a ilusión, o agarimo e a honra absoluta cara ás xeracións pasadas, configurando un exercicio de recoñecemento e gratitude.

Con esta exposición, Icía García dá un paso significativo no seu percorrido creativo, combinando a linguaxe fotográfica cunha proposta reflexiva que dialoga coa identidade, a familia e o tempo. 'Contrarreloxo' é, en definitiva, unha invitación a mirar máis alá da superficie e a recoñecer, nas mans alleas, fragmentos da nosa propia historia. A mostra poderá visitarse en horario de 8.30 a 20.00 horas, abrindo ao público un espazo de contemplación, memoria e reflexión arredor do paso do tempo.

Fuente: https://www.usc.gal//gl/xornal/eventos/mostra-contrarreloxo
Download App iOS
VIRAL App
Download App Android