19:00 hasta las 20:00
Exposición | 'Xogar, Aprender e Divertirse'

Exposición | "Xogar, Aprender e Divertirse"

  • Evento destacado
  • Evento terminado
  • Calendario
O Museo Provincial de Lugo inaugurará, o vindeiro xoves 11 de decembro, ás 19:00 h, a exposición “Xogar, aprender e divertirse. Os xoguetes de Xosé Lois Basanta Campos”. Esta mostra, que forma parte do Programa “Coleccionismo e Museos” que o MPL desenvolveu este 2025, amosará ata o 28 de febreiro de 2026 boa parte da colección de xoguetes que se conservan no museo.

TEXTO CURATORIAL:

O Museo Provincial de Lugo (MPL) presenta unha nova exposición temporal, enmarcada no seu programa de “Coleccionismo e museos”, co obxectivo de difundir os fondos que alberga. A mostra exhibe a colección de xoguetes doada polo fonsagradino Xosé Lois Basanta Campos (1924-2016), ofrecéndonos unha viaxe no tempo que comeza na década de 1920 que nos axuda a comprender a evolución dos xoguetes, das modas, dos avances tecnolóxicos e dos cambios sociais.

O xogo, entendido como unha actividade non obrigatoria que potencia habilidades cognitivas, físicas, creativas, sociais e emocionais, ocupa un papel central e vertebrador na exposición. Tal como o define a Real Academia Galega (RAG), é “cada unha das actividades que se realizan co único fin de entreterse e divertirse, e que se caracterizan por estar organizadas conforme a unhas regras determinadas e, ás veces, por precisar duns obxectos concretos”. Os xoguetes de Basanta exemplifican esta definición, converténdose en símbolos da nenez da súa xeración, en concreto da infancia dun neno da provincia de Lugo pertencente a un contexto social e cultural específico.

Durante a infancia de Basanta, a principios do século XX, o mundo do xoguete experimentou unha profunda transformación. Moitos obxectos que antes se fabricaban artesanalmente comezaron a producirse en serie, facilitando o seu acceso a máis nenos e reflectindo o impacto da industrialización na vida cotiá infantil. Isto fixo os xoguetes máis accesibles e incorporou novos mecanismos para o movemento. Despois da Segunda Guerra Mundial, a partir dos anos 40, a produción de xoguetes experimentou un auxe, fabricándose exemplares máis elaborados con multitude de accesorios. Ademais de ser máis duradeiros e accesibles —en parte pola substitución dalgúns materiais polo plástico—, tamén promovían a aprendizaxe do neno/a.

Os xoguetes da colección do MPL, cos seus deseños en papel, madeira, metal ou plástico, evidencian estas innovacións e a súa influencia no desenvolvemento cultural e na educación. Contrastan cos xogos populares da época, que formaban parte da vida cotiá e estaban elaborados con materiais moi accesibles.

Ademais de documentar a historia do xoguete, a exposición tamén pon en valor a doazón de Xosé Lois Basanta e destaca o papel dos particulares na conservación e incremento do patrimonio colectivo. Así, garante que as futuras xeracións poidan coñecer e entender a infancia de épocas pasadas.

Con esta mostra, o MPL non só exhibe obxectos lúdicos, senón que tamén invita á reflexión sobre o valor do coleccionismo e a preservación da memoria colectiva a través de obxectos tan cotiáns como os xoguetes.

Neste caso, ademais, quere promoverse a importancia das coleccións privadas e recoñecer a súa relevancia como unha forma de conservar e fomentar o interese pola preservación do noso patrimonio, destacando o papel dos doantes particulares no incremento dos fondos do museo.
Download App iOS
VIRAL App
Download App Android