19:30 hasta las 14:00
EXPOSICIÓN: 'Entre as sombras voltarei acompañado' de Vicente Blanco comisariado por Pedro de Llano Neira

EXPOSICIÓN: "Entre as sombras voltarei acompañado" de Vicente Blanco comisariado por Pedro de Llano Neira

Inauguración: 18 de setembro | 19:30h 
Galería NÉBOA, Rúa Lamas de Prado, 31, Lugo
18.09 - 15.11.2025

A Galería NÉBOA inaugura a súa tempada expositiva coa mostra “Entre as sombras voltarei acompañado”, segunda exposición individual do artista Vicente Blanco (Cee, 1974) no espazo lucense. O proxecto, comisariado por Pedro de Llano Neira, forma parte de #ABERTO2025, a gran apertura conxunta das galerías pertencentes á Asociación CONTEMPORÁNEA, que converterá Galiza nun territorio común de encontro coa arte contemporánea entre o 18 e o 20 de setembro.

A exposición reúne debuxos, pinturas e relevos en cerámica nos que Blanco explora a identidade, o desexo e a violencia, construíndo un universo visual ambiguo e evocador no que as mans, os xestos e as relacións entre personaxes teñen un protagonismo especial.

Unha cita imprescindible para achegarse ao traballo dun dos creadores galegos máis recoñecidos no panorama contemporáneo.

Texto da exposición: "Entre as sombras voltarei acompañado"

Na obra de Vicente Blanco –camiño da súa terceira década—hai dous temas recorrentes: a construción da identidade a través da representación e a interpretación da paisaxe. A miúdo aparecen interrelacionados, como sucedía na súa anterior exposición na galería NÉBOA: Os coleccionistas de formas (2024). Naquel conxunto, Blanco reaccionaba á destrución e transformación do medio natural e cultural na Galicia rural, onde reside. Nese mundo en ruínas, presa do extractivismo e vítima dunha sensibilidade anestesiada, característica da actual fase neoliberal, o artista preguntábase; “como construír a identidade desde as marxes? Como narrar desde un contexto invisibilizado, que tamén invisibiliza o desexo e a existencia?”.

O problema da construción da identidade na obra de Blanco está presente desde os seus inicios. En 2003, Juan Vicente Aliaga escribiu un texto, á mantenta da súa exposición individual no CGAC, titulado “Historia dunha ameaza. Sobre as identidades, o desexo e a violencia na obra de Vicente Blanco”, no que expuña as dificultades e presións que soportan as persoas que configuran a súa identidade fóra dos códigos heteronormativos: “Na obra de Vicente Blanco […] aniñan conatos e expresións varias da homo-socialidad, e nela o desexo e a ameaza da súa supresión e materialización van perigosamente da man”*.

Resulta oportuno lembrar estas palabras de Aliaga porque a nova serie de traballos de Vicente Blanco relega, parcialmente, a paisaxe, para centrarse, de novo, nesta cuestión do subxectivo, o íntimo, en relación co espazo social e político. O que predomina nestes debuxos son as relacións físicas, psicolóxicas e simbólicas entre os personaxes; os xestos, miradas e accións –nos que as mans desempeñan un papel protagonista, como sucedía na exposición de 2024—que constrúen as pulsións afectivas, pero tamén violentas ou agresivas, que observamos entre eles. Por iso é polo que a paisaxe (o fondo, o contexto) faise máis abstracto, doméstico e urbano, tamén decorativo, para realzar este tipo de dinámicas sutís e evocadoras entre figuras masculinas.

É interesante reparar en como estas mesmas cuestións –e outras afíns—aparecían xa en series fotográficas como O que se espera de nós (2003), onde un grupo de catro adolescentes levaban a cabo un misterioso ritual cunha lanterna no medio dun campo á noitiña. Tamén naquelas obras Vicente Blanco trataba de descubrir a realidade a través de xestos sutís, leves; mediante técnicas de extrañamiento e distanciamento narrativo, propias do cinema e o teatro, como a elipsis, a performatividade e a fragmentación, que resultan análogas da abstracción e apertura semántica que lle facilita, agora, o debuxo. Ata o título que o artista escolleu para esta exposición –Entre as sombras voltarei acompañado—parece, en certa medida, un eco daquela serie de fotografías.

O debuxo sempre foi importante na obra de Blanco, pero nestas últimas series a súa reivindicación parece asociada non só aos seus valores plásticos intrínsecos, senón tamén ao carácter accesible e democrático deste medio.  Coma se a súa condición de arte “menor”, fronte a outras, supostamente, “maiores”, como a pintura ou a escultura, fose algo coherente e solidario coas historias periféricas, forzosamente marxinadas, que pretende evocar. Desde o punto de vista dos valores plásticos, Blanco é capaz de espremer ao máximo a técnica –moi similar á da anterior serie: lapis de cores, acuarela e gesso pigmentado sobre lenzo e papel— ata o punto de que, máis que converterse nun virtuoso do debuxo, Blanco crea un novo medio, a partir da investigación e a experimentación. Doutra banda, hai unha vontade nestes traballos de aproximarse a xéneros “menores”, como a caricatura, para representar a “lóxica da guerra e da violencia”, en relación coa identidade, seguindo a tradición dun autor como George Grosz, por exemplo, que tamén viviu e traballou nun tempo histórico pre-bélico.  

Fixémonos, por exemplo, na actitude altiva dun esvelto cabaleiro que sinala con desdén a unha figura abatida, coa cabeza baixa e apenas bosquexada, case un borrón; ou no grupo composto por dous mozos espidos acompañados –aínda que talvez habería que dicir, acosados—por un home maduro e sinistro; no raparigo deitado sobre unha hamaca que parece debuxar unhas nádegas na area, mentres outro o contempla; ou no personaxe cuxa cabeza parece flotar, dando voltas, separada do corpo e metamorfoseándose, mentres se saca a camiseta; ou no forzudo de noz prominente posando ante un espello suxeito por unhas mans delicadas, ao tempo que outra figura observa dende o alto… Son todos debuxos que unhas veces pasaron ao formato do lenzo mentres que outras conservan a fraxilidade e latencia do papel, como sucede nunha escena ambigua protagonizada por un raparigo fornido e un señor calvo de nariz longo e ríxido. O humor e a ironía son dous recursos que permiten a Blanco mediar ou manter a tensión entre o afectuoso e o seu contrario; entre o amor e o odio que inevitablemente habitan as sombras ás que se refire o título.

Xunto aos debuxos e pinturas, a exposición inclúe unha nova serie de relevos en cerámica con rostros e mans conectadas por cordas. Estas pezas activan o espazo da galería e poñen en diálogo todas as obras entre sí. As cordas fan referencia ás liñas do debuxo, pero tamén á capacidade de amarrar, inmobilizar e dominar. A ductilidade do barro configura caras similares ás dos debuxos, sintéticas, resoltas cuns poucos trazos que se replican, como as que atopamos na ilustración ou a caricatura.

Di Vicente Blanco que no debuxo nada se oculta; nin os erros ou accidentes do proceso, nin os significados múltiples que cada obra pode suscitar. Por iso, a transparencia do medio é enganosa; a visión íntegra das sucesivas etapas compositivas, lonxe de aclarar o sentido da imaxe entúrbaa, faina indescifrable. É xustamente neste punto indeterminado e ambiguo cando o artista retírase e déixanos a soas cos seus personaxes, tentando pescudar se as escenas que contemplamos son disputas, confrontacións, encontros afectivos ou ambas as cousas á vez.


Pedro de Llano Neira
Comisario


*Juan Vicente Aliaga, “Historia dunha ameaza. Sobre as identidades, o desexo e a violencia na obra de Vicente Blanco”, cat. exp., Vicente Blanco. O que se espera de nós, CGAC, Santiago de Compostela, 2003, p. 61.

www.galerianeboa.com
info@galerianeboa.com

Download App iOS
VIRAL App
Download App Android