12:00 hasta las 14:00
Presentación do libro de artista e visita guiada

Presentación do libro de artista e visita guiada


O vindeiro sábado 10 de maio ás 12h00 estará dispoñible o libro de artista "Quisiera ser selva, intransitable, incógnita..." de Christian Villamide, publicado no marco do proxecto editorial Fueradcarta, e incluído na exposición "Bufet libre. (La casi) Una década de Fueradcarta", comisariada por Javier Díaz-Guardiola e actualmente en exhibición no espazo CentroCentro de Madrid.

Fueradcarta é un proxecto madrileño dirixido polos artistas Patricia Mateo e José Luis López Moral, que leva case unha década editando libros de artista en edicións limitadas, asinadas e numeradas, cunha tirada de 100 exemplares que inclúe sempre unha obra orixinal. A súa finalidade é difundir a obra dos creadores contemporáneos españois e fomentar o coleccionismo desde formatos accesibles, creando un auténtico atlas das tendencias do panorama artístico actual.

Con motivo da presentación desta publicación en Lugo, Christian Villamide estará presente na galería e realizará unha visita guiada pola exposición "Cando a paisaxe se fixo verba", comisariada por Paula Cabaleiro, e que pode visitarse actualmente na Galería NÉBOA ata o 31 de maio. Será unha oportunidade excepcional para coñecer de primeira man o seu traballo, tanto na súa dimensión expositiva como editorial.

No libro, Villamide afonda na tensión entre o natural e o artificial, nunha reflexión visual e poética sobre os procesos históricos de dominación e transformación da paisaxe. A través das súas páxinas, transítase por raíces, fibras e territorios onde a xeometría natural foi desfigurada, a terra burocratizada e o mundo reducido a cartografía. É tamén un convite a disolver os límites, a florecer na escuridade, a converterse en mundo e desaparecer entre a espesura daquilo que aínda permanece incógnito.

A publicación poderá consultarse e adquirirse na Galería NÉBOA a partir do 10 de maio.






Máis información:
Galería NÉBOA
info@galerianeboa.com
T. 626 324 381
Lamas de Prado 31, 27004, Lugo
www.galerianeboa.com
Download App iOS
VIRAL App
Download App Android