19:30
Relatorio arredor do libro 'A arte contemporánea e o traballo por proxectos', de Silvia García

Relatorio arredor do libro "A arte contemporánea e o traballo por proxectos", de Silvia García

Relatorio arredor do libro:

“A arte contemporánea e o traballo por proxectos. Propostas dende a docencia”

Autora: Silvia García González (doutora en Belas Artes)

Interveñen: Xaime Toxo (escritor, presidente do Ateneo de Pontevedra) e Silvia García González

Día: mércores, 7 de febreiro de 2024

Hora: 19:30

Lugar: librería Metáfora (rúa de Paio Gómez Chariño, 9)

O Ateneo de Pontevedra organiza un relatorio arredor do libro A arte contemporánea e o traballo por proxectos. Propostas dende a docencia, de Silvia García González, editado polo Servizo de Publicacións da UVigo.

O acto terá lugar o vindeiro mércores 7 de febreiro, ás 19:30 horas, na librería Metáfora. A autora estará acompañada por Xaime Toxo.

A entrada é libre ata completar capacidade.

Da obra

Este conxunto de escritos heteroxénos pretende promover a arte contemporánea como unha ferramente máis para utilizar na aula. A través de distintas experiencias ligadas á educación e mediación da arte proponse un achegamento que axude a creación dunha mirada crítica, buscando a través da metodoloxía, do traballo por proxectos, que nas aulas de secundaria e primaria podan utilizar de xeito transversal a arte contemporánea. Dende a fotografía, os libros de artista, a performance e o audiovisual, podemos achegarnos ao táctil, a paisaxe, arquitectura, antropoloxía ou socioloxía para entrenar a mirada (e os outros sentidos) e propiciar nos estudantes a creatividade e a mirada crítica sobre a contorna.

Da autora

Silvia García González (Cangas do Morrazo, 1973). Artista e investigadora no campo da arte e as novas tecnoloxías. Doutora en Belas Artes e licenciada na especialidade de deseño e audiovisuais, actualmente é profesora contratada doutora na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Durante sete anos (1997-2005) traballou no Centro Galego de Arte Contemporánea no Departamento de actividades, organizando ciclos de conferencias, talleres, etc.

Comisaria das exposicións Relatos privados e Espazos públicos no Museo MAC da Coruña e O diálogo Creador no Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela, ambas no 2013. Tamén comisariou exposicións como Desde as rúas da memoria, fotografías e espazos públicos en Pontevedra no Pazo da Cultura de Pontevedra, Gabinetes das marabillas, animación e cidade, organizada pola Universidade de Vigo na Casa das Campás de Pontevedra, e diversas exposicións de arte xove nas galerías Sargadelos de Santiago e Pontevedra.

Como artista, participou en 2013 na mostra Hacer, Diseñar, Pensar no Museo de Artes Decorativas de Madrid; levou a cabo intervencións como A cidade desde dentro e A cidade desde fóra na biblioteca da facultade de Filosofía da USC en Santiago de Compostela e nunha escola abandonada en Bueu, e Os silencios que comeu Alicia na biblioteca do CGAC.

COLABORA: librería Metáfora.

Download App iOS
VIRAL App
Download App Android