Relatorio arredor do libro:
“Os Lobariñas Feixoo. Luz e memoria nos Séculos Escuros”
Autor: Perfecto Ramos Rodríguez (investigador histórico, licenciado en Ciencias Económicas)
Interveñen: Xaime Toxo (escritor, presidente do Ateneo de Pontevedra), César Lorenzo Gil (director de Aira Editorial) e Perfecto Ramos Rodríguez
Día: mércores, 18 de outubro de 2023
Hora: 19:30
Lugar: librería Metáfora (rúa de Paio Gómez Chariño, 9)
O Ateneo de Pontevedra organiza un relatorio arredor do libro Os Lobariñas Feixoo. Luz e memoria nos Séculos Escuros, de Perfecto Ramos Rodríguez, publicado por Aira Editorial.
O acto terá lugar o vindeiro mércores 18 de outubro, ás 19:30 horas, na librería Metáfora. O autor estará acompañado por Xaime Toxo e César Lorenzo Gil.
A entrada é libre ata completar capacidade.
Da obra
Gregorio Lobariñas Feixoo é unha das figuras máis descoñecidas e atractivas da nosa historia cultural. Este inquisidor de Crecente escribiu As Galegadas, de a cabalo entre os séculos XVI e XVII, obra hoxe perdida, mais escrita en lingua galega en plenos Séculos Escuros.
Antonio Jacinto Lobariñas Feixoo, un dos seus parentes, nacido en Filgueira (Crecente) no século XVIII, exerceu a Medicina e colaborou co Padre Sarmiento nas súas investigacións sobre as propiedades curativas das plantas.
Perfecto Ramos Rodríguez aproveita as biografías destes dous intelectuais para retratar un vívido fresco sobre os tempos dos Lobariñas Feixoo e crebar moitos dos mitos que perduran sobre a situación da cultura escrita en lingua galega.
Do autor
Perfecto Ramos Rodríguez. (Sendelle-Crecente) é licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago e investigador histórico, oficio que agora desenvolve en exclusiva e que no pasado combinou coa actividade empresarial.
É autor de Un paseo pola historia de Rebordechán (2007), Marcelino Gómez Arias. Unha vida dedicada á loita pola república e o agrarismo (2014) e Os Lobariñas Feixoo. Luz e memoria nos Séculos Escuros (Aira, 2023). Asemade publicou textos de tema histórico para a Universidade de Santiago de Compostela, no Nós Diario ou na revista Murguía, entre outras publicacións.
COLABORA: Librería Metáfora.
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar