Relatorio arredor do libro:
“El humo del diablo”
Autor: Fernando Salgado (escritor, xornalista)
Interveñen: Juan Otero (promotor do movemento asociativo, exresponsable de banca, escritor) e Fernando Salgado
Día: venres, 6 de outubro de 2023
Hora: 19:30
Lugar: Librería Metáfora (rúa de Paio Gómez Chariño, 9)
O Ateneo de Pontevedra organiza un relatorio arredor do libro El humo del diablo, de Fernando Salgado.
O acto terá lugar o vindeiro venres 6 de outubro, ás 19:30 horas, na librería Metáfora. O autor estará acompañado por Juan Otero.
Por vontade do autor, o diñeiro recadado pola venta dos últimos trinta exemplares dispoñibles do libro será doado ao Ateneo de Pontevedra.
A entrada é libre ata completar capacidade.
Da obra
El humo del diablo é a crónica dunha viaxe a través de Venezuela e Colombia con destino a un barrio colonial de Bogotá que se converteu no fenómeno social máis dramático da cidade ao ser arrasado polas excavadoras unha vez que o policía logrou desaloxar os habitantes. Chámase Santa Inés e acabou sendo coñecido como El Cartucho e El Callejón de la Muerte. Era un enclave situado no medio da cidade que se transformou nun inmenso gueto ocupado por miles de ‘desechables’ que se buscaban a vida reciclando a basura da cidade para fumar bazuko. Era un territorio usado pola guerrilla e os paramilitares onde se podía comprar calquera tipo de arma. Imperaba a miseria e a loucura. Os ‘jíbaros’ repartíanse o dominio a punta de pistola e un asesinato pagábase cuns gramos de droga.
José Antonio Iglesias Prieto, un home nacido en Portonovo (Sanxenxo), foi testemuña e protagonista do acontecido.
Segundo se recolle na web lecturafilia, “pódese dicir que a historia de José Antonio Iglesias Prieto é a dunha volta a nacer. Este home decidiu un día emigrar e pasou por varios lugares de Venezuela e Colombia ata chegar ao barrio colonial de Santa Inés, en Bogotá. Aí comezou o seu martirio, pois só se levantaba pensando en consumir bazuko, un sucedáneo da cocaína que acabou sendo a ‘lacra’ dese barrio e de moitos outros.
José Antonio pasou de ser millonario a esmoleiro, o vicio arrastrouno como a outros moitos que naqueles anos 80 viaxaban a outros lugares para lograr o que na súa terra non poderían. O xornalista Fernando Salgado reconstrúe esta historia no seu libro, El humo del Diablo, e faino dando a voz e todo o protagonismo a José Antonio. Este home diríxese a nós directamente, cóntanos a súa historia en primeira persoa. Como ben recoñeceu Fernando Salgado nunha entrevista, «el é un sedutor, un home moi culto que te seduce coas palabras», algo que tamén puido comprobar o cineasta cucuteño Germán Piffano, co que se atopou un día por casualidade e co que forxou unha grande amizade.
Por aquelas Germán era un xoven estudante de Antropoloxía na Universidade dos Andes que estaba a afondar no seu traballo de graduación, cuxo tema eran os habitantes da rúa. Froito das conversacións e da conexión que naceu entre Germán e José Antonio nace e documental Infierno o Paraíso, que narra as vivencias do noso protagonista.
Estas vivencias son tamén o tema de El humo del Diablo, unha crónica, a historia dun ascenso e dun descenso, de como podes estar hoxe arriba e mañá abaixo. Pero tamén nos fai unha radiografía da historia dun país como o noso, onde a emigración se viu sempre como unha solución aos problemas. Neses anos 80, o mundo da droga comezaba a aflorar e o descoñecemento levou a unha desinformación total da poboación e de moitas nais que vían como os seus fillos morrían por mor de algo que non sabían que era exactamente. No medio desa situación, e vendo que o paro xuvenil ía en aumento, moitos optaron por irse lonxe. Salgado foi testemuña deste momento e transmítenolo a través da narración da vida do portonovés.
Aínda que este libro se centra na vida dunha persoa, o certo é que é inevitable que aparezan personaxes míticos do mundo do narcotráfico en Galicia, tal e como é o clan de Sito Miñanco ou dos Charlines, que tan ben se explica no libro de Nacho Carretero, Fariña. De fondo tamén atopamos a historia do barrio colombiano de El Cartucho, que foi finalmente derruído no ano 2000.
Como ben se di no prólogo, elaborado por Calros Solla, é un libro que máis ben habería que gozar coa intensidade do fume dunha calada, tal e como defendía o gran Hunter S. Thompson quen, drogado e alcoholizado, escribiu os seus mellores libros, idea levada ao extremo en Miedo y asco en Las Vegas. Este libro lese co corazón acelerado, pero coa certeza de saber que na actualidade José Antonio é un home recuperado, que volveu nacer.”
Do autor
Fernando Salgado (Cerdedo, 1959) é xornalista. Traballou no Diario de Galicia, Diario 16 de Galicia, Atlántico Diario e La Voz de Galicia. Actualmente é o responsable de Diario de Pontevedra nas comarcas de O Salnés e Ulla-Umia. Tamén publicou artigos nas revistas Tempos Novos, A Trabe de Ouro e Ardentía.
É autor dos libros Elefantes y Hormigas (2013), El humo del Diablo (2015), El futbol en Galicia (2016), Más fuerte que el hambre (2018), 1.306/36 (2018) e, xunto a Juan Otero, Papel de Estraza (2021). Unha parte da súa produción está aloxada nun blog co seu nome.
COLABORA: Librería Metáfora.
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar