19:00
Conversa con Blanca González Mitre - Latexos do corazón de África

Conversa con Blanca González Mitre - Latexos do corazón de África

Blanca González Mitre
Directora da Fundación Internacional de Solidariedade Compañía de María (FISC)

Con máis de trinta anos de experiencia no ámbito da acción social en España, Blanca González Mitre dedicou a súa vida profesional e persoal a promover os dereitos humanos, a xustiza social e a igualdade de oportunidades. Dende xaneiro de 2019 dirixe a FISC, a ONGD da Compañía de María, impulsando proxectos de cooperación internacional, educación, saúde e desenvolvemento comunitario en América Latina, África e Europa.

Baixo a súa dirección, a FISC reforzou o seu compromiso coa ecoloxía integral, a equidade de xénero e a defensa dos dereitos das persoas máis vulnerables, acompañando procesos de transformación local sostibles e participativos.

Na República Democrática do Congo, a Compañía de María traballa xunto a comunidades rurais e urbanas en programas educativos, de empoderamento das mulleres e de apoio á infancia, fortalecendo a esperanza en contextos de enorme complexidade social.

“Latexos no corazón de África” reflicte ese compromiso profundo: o pulso dunha solidariedade que escoita, acompaña e constrúe vida alí onde as persoas seguen a soñar cun futuro máis xusto e digno.
“Latexos do corazón de África” non é só unha mostra de fotografías. É unha invitación a mirar máis alá do aparente.

A autora desta exposición, Cristina Sanz, relixiosa da Compañía de María, membro do Equipo Xeral e patroa da FISC dende hai máis de 25 anos, coñece ben a RD do Congo: percorreuno cos pés e mirouno co corazón.

Esta exposición nace precisamente do compromiso solidario que inspira o traballo da FISC, a ONGD da Compañía de María, en tantos países do mundo, especialmente en África. Dende unha ollada fondamente humana e esperanzada, buscamos contribuír a un desenvolvemento xusto e equitativo, que poña no centro a dignidade das persoas. E iso é precisamente o que Cristina soubo captar coa súa cámara: a dignidade, a forza, a beleza e a ledicia que latexan no corazón de África.

As súas fotografías non están feitas para impresionar, senón para conmover. En cada rostro, en cada mirada, en cada xesto silencioso… hai beleza, hai inocencia, hai tamén desamparo. Pero, sobre todo, hai vida. Unha vida que resiste, que canta, que soña. E que nos interpela.

Download App iOS
VIRAL App
Download App Android