19:30
Os seráns en Vilancosta

Os seráns en Vilancosta

  • Evento destacado
  • Evento terminado
  • Calendario

Musical en homenaxe a Avelina Valladares. Máis de 50 artistas (actores, músicos e bailadores) sobre o escenario tratarán de visibilizar o legado vital e literario dunha muller, pioneira durante o Rexurdimento galego, nos ámbitos xornalístico e literario.

Nos seráns, en Vilancosta, casa natal da familia Valladares, soa a música e a poesía. Dúas rapazas contemporáneas indagan na personalidade de Avelina Valladares para escribir unha obra sobre ela. Unha proposta na que a personalidade e o rostro de Avelina Valladares emerxen con luz propia.

Avelina Valladares foi unha muller que, malia o seu talento para as letras e avanzadas ideas, non destacou no seu momento por se atopar baixo a sombra do seu irmán Marcial, un dos persoeiros máis importantes do Rexurdimento, así como por vivir nunha época na que o papel da muller estaba relegado ao ámbito doméstico e non se esperaba dela máis que casar e coidar da familia.

Avelina é unha muller misteriosa: non temos imaxes dela, non temos ningunha imaxe e non sabemos por que non casou. Por vez primeira – sen contar o retrato que fixo Rosa de Cabanas dela -, poderemos poñerlle cara e será grazas á obra de teatro que representará a Escola Municipal de Artes Escénicas (EMAE) coa colaboración da Agrupación Folclórica Estradense Tequexetéldere e da ilustradora Rosa de Cabanas.

En total haberá máis de 50 persoas sobre o escenario, que contarán como dúas rapazas preparan unha obra de teatro sobre Valladares, exercendo de trasunto de Santi Cortegoso, autor da obra, e teñen certas dificultades á hora de atopar información sobre esta muller do lugar de Vilancosta (Berres). Aparecerán personaxes coma as de Marcial Valladares, irmán de Avelina, e Manuel García Barros.

Segundo explica Xosé Lueiro, xerente da EMAE, «Esta montaxe vai máis alá dunha simple homenaxe a un dos referentes femininos do Rexurdimento, trata de poñer en valor e visibilizar a figura de Avelina Valladares, subliñando ese carácter pioneiro, valeroso e profundamente xeneroso que ela tiña (..) Reivindica o seu legado vital, social e literario, tratando ao mesmo tempo de arrincala un pouco da sombra do irmán.”

Este musical é un espectáculo en todos os sentidos, en que destacan elementos como o acompañamento musical de Tequexetéldere, o vestiario levado a cabo por Beatriz Busto e a escenografía de Borja Ínsua.

Esta función conta cunha axuda económica da Secretaría Xeral da Lingua, da Xunta de Galiza.

Como todas as actividades do programa “Agra no Ágora”, este evento é de acceso libre e gratuíto; o programa está financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación veciñal Agra.

Elenco:

· Dramaturxia e dirección: Santiago Cortegoso

· Elenco Actoral: Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada

· Elenco Musical: Agrupación Tequexetéldere

· Escenografía: Borja Ínsua

· Vestiario: Beatriz Busto

· Son e iluminación: Valentín Torrado

· Coordinación xeral: Xosé Lueiro

Duración: 70 minutos

Organizadora: Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán "Agra"

Contacto: agra@galizacultura.gal

Download App iOS
VIRAL App
Download App Android