10:00 hasta las 20:00
Tapas I

Tapas I

Na década dos 50, Luís Seoane publica en dous volumes, Libro de tapas (1953) e Segundo libro de tapas (1957), as cubertas que deseñara para a editorial Botella ao mar, fundada en 1947 por Arturo Cadrado e o propio Seoane. Nestas dúas publicacións, xunto con Figurando recordos, publicada polo selo Citania en 1959, que recollía as portadas elaboradas polo artista galego para a revista Galicia Emigrante, sintetízase a achega de Seoane á época dourada da edición en Arxentina.

A confluencia entre arte e deseño editorial, xunto co carácter recompilatorio que Luís Seoane conferiu a estes tres libros inspiran o proxecto TAPAS I. unha parte do todo, que reúne 94 traballos editoriais realizados por 76 creadores nacionais e internacionais concibidos polos seus autores como pezas artísticas, nunha selección que inclúe obras dos galegos Rosendo Cid, Iván Nespereira, Jacobo Ameneiro e Xosé Lois Gutiérrez. A evolución do formato facilita deste xeito a construción da mensaxe que se quere transmitir, reflectido nas descricións que galeristas, coleccionistas, artistas e particulares ofrecen dos seus libros, que se respectaron na exposición.

O proxecto complétase cunha publicación deseñada polo estudo galego Fabulatorio en formato tabloide que recollerá todas as pezas presentes na mostra, fotografadas polo artista Jesús Madriñán e dispostas nunha serie de fichas que irán acompañadas polos textos dos seus autores, coleccionistas etc.

TAPAS I forma parte da programación da edición deste ano de FFoco - Festival de Fotografía da Coruña, que entre outras actividades, acollerá o día 6 de outubro unha mesa redonda que levará por título Os recolectores de libros, na que participarán os comisarios da mostra, Jorge Blasco e Silvia Longueira. Xunto a eles estarán o galerista e coleccionista Juan Naranjo e o artista e editor Xosé Lois Gutiérrez.

Fuente: https://www.turismo.gal/axenda-cultural/evento?langId=gl_ES&nid=104126
Download App iOS
VIRAL App
Download App Android