A área de Xuventude do Concello de Lugo vén de presentar a programación de actividades para o primeiro semestre do ano, dirixida maioritariamente a mozos e mozas de 14 a 35 anos, cunha oferta na que destacan como grandes novidades os cursos de bailes urbanos e de iogadanza, actividades ás que se suman outras xa consolidadas no programa de Xuventude, como o curso de monitor de tempo libre, zumba ou as excusións de sendeirismo, entre outras, cunha oferta que se traduce en 243 prazas gratuítas. A Casa da Xuventude acollerá a maior parte destas actividades, que se desenvolverán entre os meses de febreiro e xuño, dirixidas a persoas de entre 14 e 35 anos de idade e para as que xa é posible realizar a inscrición no enlace https://formulario.xuventudelugo.gal. ACTIVIDADES: Danzas urbanas A primeira das actividades que comezará a impartirse, o vindeiro venres día 20 de febreiro, será a de danzas urbanas, precisamente unhas das novidades da programación deste semestre. Desenvolverase todos os venres, de 17.00 a 19.00 horas na Casa da Xuventude, e está previsto que se impartan clases de distintos estilos como looking, popping, street dance ou hip hop, entre outros. Para estas clases hai reservadas 20 prazas que se desenvolverán ata o 5 de xuño. Zumba e Ioga As clases de Zumba impartiranse desde o vindeiro 23 de febreiro ao 8 de xuño, na Casa da Xuventude, todos os luns, de 20.15 a 21.15 horas, cunha oferta de 12 prazas. No mesmo sitio e con igual número de prazas terá lugar o curso de ioga, que se desenvolverá desde o 25 de febreiro ata o 10 de xuño, todos os mércores, de 20.15 a 21.15. Iogadanza O 26 de febreiro tamén arrancará, nas mesmas instalacións municipais, o curso de iogadanza, unha nova disciplina que aúna danza e traballo corporal, que mellora a coordinación, a flexibilidade e a forza. Hai reservadas 20 prazas para unhas clases que se prolongarán ata o 11 de xuño, e que se impartirán todos os venres, de 19.00 a 20.00 horas na Casa da Xuventude. Monitor de tempo libre Co obxectivo de que a mocidade poida optar ao certificado de monitor de tempo libre e exercer este traballo, a área de Xuventude volve convocar unha nova edición deste curso, con 25 prazas. Comezará o 27 de febreiro e rematará o 17 de maio. As clases terán lugar os fin de semana con horarios intensivos. Así, os venres o curso se desenvolverá de 16.30 a 21.30; e os sábados e domingos, de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 21.30 horas. Radiocontrol O obradoiro de radiocontrol é outras das actividades que repite dentro da programación de Xuventude, dado o éxito de convocatorias anteriores. Haberá un total de 24 prazas para participar neste curso, que comezará o 7 de marzo e prolongarase ata o 16 de maio. Impartirase no Circuíto de Frigsa, todos os sábados, en horario dúas quendas, de 11.00 a 12.00 e de 12.00 a 13.00 horas, con catro participantes para cada un dos horarios. Sendeirismo Pola súa banda, a actividade de sendeirismo arrancará este ano o próximo 14 de marzo, cunha ruta polo municipio de Cervantes. Durante os meses de abril, maio, xuño e xullo hai programadas outras catro saídas, sempre en sábado, por outros puntos da provincia, polo propio municipio de Lugo e tamén pola Costa da Morte. Hai reservadas 26 prazas para cada unha destas excursións.
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar