Exposición temporal «807/36 memorias gravadas» – Xan Leira «807/36 Memorias gravadas números e palabras que se aproximan a vivencias e emocións fundacionais da miña identidade: Flora de Dios Rodríguez, traballadora da conserva, e Agustín Leira Fernández, carpinteiro de ribeira, condenados a 12 anos e un día por rebelión, deixan os seus fillos Maruja, Flora e Agustín absolutamente desamparados, feridos para sempre, con cicatrices biográficas ciceladas que supuran ata o infinito, malos tratos, abandono, violencia, abuso… En 807/36 Memorias gravadas rendo tributo á miña nai Flora Leira de Dios, quen con 6 anos foi vítima do terror, con secuelas invisibles e perdurables ao longo da súa/nosa vida. Xunto a ela aprendín a capacidade de resistencia e loita das de Dios. Rendo tributo ao meu pai Luis Pérez Dorado, que me ensinou o subversivo oficio de tipógrafo no seu/noso taller de Imprenta Pérez. Ao seu lado aprendín que en cada letra hai resistencia e en cada folla impresa un acto de liberdade. Artes gráficas que co tempo me conduciron polo camiño doutras artes, a fotográfica, a cinematográfica e agora a estampa. Unha nova linguaxe plástica para insistir, profundar, permanecer na recuperación da memoria histórica e dialogar doutro xeito cos elementos constitutivos da miña propia identidade. Coa técnica do gravado recuperei, en parte, o oficio de impresor, a sensorialidade e sensualidade que se desprende da tinta, na experimentación sobre o papel atopo a miña maneira de reflectir a tensión emocional e o pulso invisible que latexa baixo a superficie; nos retratos centro a representación da imaxe do gravado que fun atopando no propio facer artístico e no xogo de significacións. En cada estampa, en cada trazo, hai un eco emotivo dese oficio aprendido e que agora me permite sentir nas miñas mans a textura da historia. 807/36 Memorias gravadas é un sistema de representación e obxectivación do meu ideal utópico que non se resigna e ofrezo como un espello onde mirarse e tomar conciencia.» Xan Leira 🗓️ Do 6 de febreiro ao 15 de marzo do 2026 📌 Bloque de homes – 1ª planta
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar