Abril é un mes que sempre nos lembra a Portugal pola Revolución dos Caraveis (Revolução dos Cravos), a única revolución que, organizada por militares, foi quen de substituír balas por flores derrocando a ditadura máis lonxeva de Europa. Para celebralo imos ter dúas actividades ozoqueiras, a primeira o luns 21 coa presenatción do libro ABRIL É UN PAÍS, obra da xornalista Tereixa Constenla, un traballo rigoroso que combina a investigación documental e a entrevista a moitos dos protagonistas da Revolución que logrou derrocar o réxime opresor. Unha análise abraiante do pasado de Portugal nun ensaio indispensable para comprender o espírito único do país veciño. Tereixa Constenla é unha xornalista galega que traballa de correspondente do diario "El País" en Lisboa. Comezou a súa traxectoria profesional en 1990 no diario granadino "Ideal", na delegación de Almería. Despois pasou a "El País", primeiro na sección social da delegación de Andalucía e desde 2008 na sección de Cultura a nivel estatal e redactora de "Babelia". En Lisboa exerce de correspondente do xornal español dende xullo de 2021. A autora vai estar acompañada do xornalista Carlos Risco.
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar