19:00 hasta las 20:30
Alfonso Soto 'Fon' II

Alfonso Soto "Fon" II

  • Evento destacado
  • Evento terminado
  • Calendario
Tras a primeira mostra dedicada a este pintor, no primeiro trimestre do ano, o Museo Etnolóxico presenta a segunda exposición da obra deste artista multidisciplinar nado en Ribadavia na década dos cincuenta.

Alfonso Soto Fon comeza a pintar dende neno, animado por unha das súas mestras, de xeito autodidacta, xa que entón o estudo das artes non estaba incluído no programa educativo. Fórmase como axustador de matrices en Burgos, xa que a súa familia materna era burgalesa, e dende alí viaxa a Madrid con frecuencia, onde presencia folgas e manifestacións obreiras, estudantís e feministas que lle impactarán na súa primeira etapa artística. No ano 1972 regresa a Galicia, concretamente a Vigo, onde descargará pescado no peirao, e posteriormente traballará na construción dun depósito de auga para a empresa Dragados y Construcciones, na que os compañeiros o elixen como delegado sindical, posto que repetirá en Ourense un ano despois cando o contratan nunha fábrica de conexións eléctricas (CONEL) onde nos tempos de descanso aproveita para esculpir un pequeno e curioso universo de esculturas.

Durante a súa estadía en Ourense nos setenta comparte estudio con artistas como Ramón Conde, Miguel Mosquera, Miguel Carballo ou Emilio Cid, etapa na que o pintor novo se dedica a reinterpretar diferentes movementos vangardistas do século XX como o cubismo ou o expresionismo. Faino abordando unha temática que vai dende o íntimo e persoal, palpable en obras como O abrazo ou Chucho y yo, ata outras de carácter máis social e reivindicativo como A campesiña, Revolucionarios ou La mani de las titis.

Durante a década dos oitenta comeza a traballar como deseñador para a firma de moda Adolfo Domínguez grazas aos seus coñecementos artísticos e dos materiais (tecidos, metais, coiros etc.), coñecementos que se deixan notar no deseño da roupa pero tamén nos complementos, como cintos, bolsas e diferentes tipos de ferraxes. Entre todos os seus deseños cómpre destacar o manequín minimalista empregado en centos de escaparates que a firma ourensá tiña espallados por medio mundo.

Esta actividade compaxínaa coa pintura que cada vez se vai facendo máis experimental e abstracta. O seu incansable interese pola creación lévao a experimentar con múltiples técnicas (estarcido, ocultación etc.) pero tamén con materiais pouco habituais entre artistas da súa contorna e xeración como son a pintura en aerosol, terras, cristais, latas, cartóns etc.

Todo isto fai de Fon un artista idóneo para entender a evolución da arte contemporánea e para recoñecer a súa valía como creador.
Download App iOS
VIRAL App
Download App Android