10:00 hasta las 20:00
ALFONSO SOTO “FON”

ALFONSO SOTO “FON”

O Museo Etnolóxico presenta a primeira exposición, das dúas que ten programadas, da obra deste artista multidisciplinar nado en Ribadavia na década dos cincuenta.

Alfonso Soto “Fon” comeza a pintar dende neno, animado por unha das súas mestras, de xeito autodidacta xa que entón o estudo das artes non estaba incluído no programa educativo. Fórmase como axustador matricero en Burgos xa que a súa familia materna era burgalesa e dende alí viaxa a Madrid con frecuencia onde presencia folgas e manifestacións obreiras, estudantís e feministas que lle impactarán na súa primeira etapa artística. No ano 1972 regresa a Galicia, concretamente a Vigo, onde descargará pescado no peirao e posteriormente na construción dun depósito de auga para a empresa Dragados e Construcción, na que os compañeiros elíxeno como delegado sindical. Posto que repetirá en Ourense un ano despois cando o contratan nunha fábrica de conexións eléctricas (CONEL) onde nos tempos de descanso aproveita para esculpir un pequeno e curioso universo de esculturas.

Durante a súa estadía en Ourense durante os setenta comparte estudio con artistas como Ramón Conde, Miguel Mosquera, Miguel Carballo ou Emilio Cid. Etapa na que o pintor novo se dedica a reinterpretar diferentes movementos vangardistas do século XX como o Cubismo ou o Expresionismo. E faino abordando unha temática que vai dende o íntimo e persoal, palpable en obras como O abrazo ou Chucho y yo ata outras de carácter máis social e reivindicativo como A Campesiña, Revolucionarios ou La mani de las titis.

Durante a década dos oitenta comeza a traballar como deseñador para a firma de moda Adolfo Domínguez grazas os seus coñecementos artísticos e dos materiais (tecidos, metais, coiros, etc.) Coñecementos que déixanse notar no deseño da roupa pero tamén nos complementos como cintos, bolsas e diferentes tipos de ferraxes. Entre todos os seus deseños cabe destacar o manequín minimalista empregado en centos de escaparates que a firma ourensá tiña espalladas por medio mundo.

Esta actividade compaxínaa coa pintura que cada vez vai facéndose máis experimental e abstracta. O seu incansable interese pola creación lévao a experimentar con múltiples técnicas (estarcido, ocultación, etc.) pero tamén con materiais pouco habituais entre artistas da súa contorna e xeración como son a pintura en aerosol, terras, cristais, latas, cartóns, etc.

Todo isto fai de Fon un artista idóneo para entender a evolución da arte contemporánea e para recoñecer a súa valía como creador.
Download App iOS
VIRAL App
Download App Android