O Concello de Lugo convida á veciñanza a participar este venres, 9 de maio, na celebración do Día de Europa, que terá lugar na Praza Maior a partir das 16:45h da man do centro municipal Europe Direct Lugo. A programación inclúe actividades para todos os públicos e combinará música, creatividade, xogos e reflexión sobre o papel da Unión Europea na nosa vida cotiá. A xornada arrancará ás 16:45h cunha mesa informativa sobre o Día de Europa, acompañada dun obradoiro infantil de tatuaxes temporais e unha sesión DJ a cargo de Alex Mei. A maiores, terá lugar o Concurso de Fotografía Dixital #EuropaDendeLugo, unha iniciativa coa que o Concello busca implicar á mocidade e ao público participante de maneira creativa nas redes sociais. Neste concurso poderán participar todas as persoas que estean presentes no evento e suban unha fotografía creativa ou un selfie nas súas contas de Instagram ou Facebook, etiquetando ao @Concello de Lugo e @Europe Direct Lugo, seguindo ambos perfís e empregando o hashtag #EuropaDendeLugo. As tres fotografías con máis “likes” ata o domingo 11 de maio ás 23:59h serán premiadas cun lote de merchandising oficial do Día de Europa (mochila, camiseta, bolígrafo e gorra). O luns 12 de maio farase público o nome das persoas gañadoras nas redes sociais oficiais. A partir das 18:00h celebrarase o xogo Desafío Europa, un reto participativo para testar os coñecementos sobre a UE dun xeito lúdico e ameno. Como broche de ouro, ás 19:00h terá lugar un desfile de moda con deseñadores e deseñadoras lucenses, no que o talento local e a moda sostible e circular serán protagonistas. O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, será o encargado de presidir o acto institucional que se celebrará ás 17:45h, durante o cal se procederá á lectura do manifesto do Día de Europa e ao izado da bandeira da Unión Europea. Centro de información europea Europe Direct Lugo, pertencente á rede de Centros de Información Europea, é o punto desde o que o Concello de Lugo ofrece un servizo de proximidade que permite á cidadanía obter información, asesoramento e apoio sobre as políticas, programas e oportunidades de financiamento da Unión Europea. As persoas interesadas poden visitar o centro no CEI-Nodus (Avda. da Coruña, 500) de luns a venres, de 08:30 a 14:30h, ou consultar toda a información e actividade na súa web www.europedirectlugo.com e redes sociais (Facebook, Instagram e X).
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar