Un ano mais a Mostra de Instrumentos de Música Tradicional, organizada pola AGG dentro do Festival de Pardiñas, abre as súas portas para amosar o traballo de numerosos artesáns e artesás neste espazo consagrado como a mostra máis antiga e importante da Península Ibérica e un referente indispensable da música tradicional galega, cuxo obxectivo fundamental dende os seus inicios foi establecer pontes de colaboración entre todos os obradoiros de artesáns espallados polo país e construír un espazo no que atoparse coa comunidade da música tradicional galega. Nesta 31ª edición da Mostra, como non podía ser doutro xeito, volvemos a poñer o acento no recoñecemento dos artesáns e artesás, que co seu traballo minucioso e preciso fan posible que a artesanía dos nosos instrumentos tradicionais sexa recoñecida e valorada no mundo enteiro. Un lugar de encontro no que poder coñecer de preto o seu gran traballo, pero tamén para gozar de dous días cheos de festa, onde non pode faltar a música e o baile tradicionais, que estarán presentes durante toda a fin de semana. Neste 2024, logo de celebrar os 30 anos na pasada edición, mantemos o formato de antano, recuperado o ano pasado, no que a Mostra volvía a abrir as súas portas na mañá do sábado, e para elo contaremos, amenizando a sesión vermú, coa música de “Os Canallas”, formación heteroxénea integrada por uns amigos unidos pola súa paixón pola fabricación artesanal de instrumentos tradicionais e a música galega. A apertura oficial da Mostra comezará na tarde do sábado, co pregón ás 17:00 h. a cargo de Antón Santamarina, lingüista especializado no ámbito da lexicografía, realizou tamén numerosas achegas no ámbito da gramática, a sociolingüística, a dialectoloxía e a didáctica é tamén catedrático de filoloxía románica na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega (https://academia.gal/membro/-/membro/anton-luis-santamarina-fernandez). Os seus traballos contribuíron a afondar no coñecemento do estado da lingua e das súas variantes, así como ao establecemento da súa actual forma culta. Dentro do seu prolífico currículo debémoslle, entre outras moitas aportacións á nosa lingua e cultura, a coautoría, canda Dorothé Schubarth, do Cancioneiro popular galego (Fundación Barrié, 1984-1988). Esta obra en sete volumes, considerada o máis amplo repertorio da música popular de tradición oral do país, que reúne pezas recollidas en máis de cen lugares de fala galega pola musicóloga suíza entre 1978 e 1983. Continuaremos coa música de Lembranzas do Tambre ás 18.30 h., asociación folclórica fundada no ano 1983, cando un grupo de veciños do municipio puxo as bases do que có tempo consolidaríase como unha asociación de referencia na comarca. Mediante o traballo das escolas de gaita e percusión, baile, pandeireta e canto, son moitas as xeracións de mozos e mozas que forman parte deste proxecto no que os rapaces fan país no eido cultural e axudan a estallar o folclore da nosa terra. A Asociación Folclórica Lembranzas do Tambre ao longo de todos estes anos, leva a cabo unha labor de promoción da cultura musical tradicional galega, sempre co nome do Concello de Oroso por diante, amosando por todo o territorio nacional e de países veciños o seu traballo en multitude de festivais e encontros. Na actualidade, as Pandeireteiras de Lembranzas do Tambre fan nas súas actuacións unha viaxe por toda a xeografía galega, poñendo en valor todas as melodías que as mulleres do noso país gardaron na súa memoria e que tiveron a sorte de recuperar e incorporar no repertorio do grupo. As 20.00 h., será o momento de coñecer á persoa afortunada do boleto gañador do sorteo dun Bombo de Treboada (doado e construído colectivamente entre os artesáns Manels Percusión, Iago Salgado, O Reberete e con mazas de Oli Xiráldez. A xornada do domingo iniciarase ás 11:30 horas coa apertura da mostra de instrumentos. Posteriormente, ás 12:30 h., continuaremos co Obradoiro de Treboada da man do artesán e gaiteiro Oli Xiráldez, no que teremos a oportunidade de coñecer máis sobre esta formación musical propia do Baixo Miño galego, composta por varios bombos de grandes dimensións (Bombos de mallada), un caixa e unha gaita (antigamente era unha gaita de barquín, pero as formacións que chegaron ós nosos días substituíron esta por unha de sopro humano), que tocan de forma itinerante normalmente nos días de festa, facendo as alboradas e as distintas funcións, civís e relixiosas, que faría un grupo de gaiteiros ó uso. Existe a tradición de subir as distintas Treboadas da zona ó monte Santa Tegra na Garda o día 15 de agosto ó que chaman a Festa do Monte. O obxectivo do obradoiro é a aprendizaxe do toque de bombo dunha das pezas que recollemos a Pepe o ”Cesteiro”, gaiteiro da emblemática Treboada do “Ministro” de Tomiño. Os asistentes, despois de aprender o toque, darán un pasa-rúas polo recinto, para compartir o aprendido e amenizar a festa. Xa pola tarde, ás 17.00 horas terá lugar o Obradoiro de Baile Tradicional, con Ruth Pérez, bailadora que comezou a súa andaina polo ano 2000 na A.C Val do Mera ( O Burgo – Lugo ), para continuar, tras o cese de actividade da mesma no ano 2003, a súa formación nas escolas de baile da A.C Cántigas e Frores de Lugo. Un ano máis tarde pasa a formar parte do grupo de baile tradicional dirixido ata o 2015 por Xabier Iglesias, e do que se segue formando como bailadora ata hoxe en día baixo a dirección de Javier Sanmartín e Belén Tojo. No ano 2009 incorpórase como bailadora á compañía de baile “ProxectoDanza” coa que no ano 2011 presenta o seu primeiro espectáculo “Latexo”. Con esta compañía realizou colaboracións con grupos como “Pepe Vaamonde Grupo”, “Ghaita de pedra” e “Leña Verde ”. No ano 2015 estrease o espectáculo creado por Quique Peón & Cía “O poder do Arcabuz" no que participa como bailadora. Na actualizade forma parte do grupo de Cantareiras da “A.C. Cántigas e Frores”, imparte aulas de baile en diferentes asociacións da provincia de Lugo e tamén forma parte do espectáculo de danza "Bailador" de Óscar Cobos cía. De seguido ás 18.30 horas, desfrutaremos da música de SilvaRedonda, murga galega formada por dúas gaitas, clarinete, acordeón, bombardino, tambor e bombo con pratos. Ligada á comarca de Rianxo, foi na primavera do 2018 cando comezou a amenizar sesións vermú, romarías, roteiros culturais e seráns. No outono dese mesmo ano, a murga tivo a honra de ser escollida pola Casa de España da República Dominicana como representante da música tradicional galega para dinamizar unha serie de actos alá celebrados. De natureza principalmente instrumental, aínda que incorporando algún tema vocal, o seu repertorio componse de pezas tradicionais e outras de autor, con arranxos persoais, e tamén composicións propias. Xotas, muiñeiras, rumbas, tangos ou fox-trot para seren bailadas en todos os torreiros. E xa para rematar a xornada, ás 20.00 h. realizaremos o sorteo dun tambor de nogueira doado e fabricado colectivamente entre os artesáns Xosé Tunhas e Miguel Rivas. PROGRAMACIÓN 31ª MOSTRA DE INSTRUMENTOS DE MÚSICA TRADICIONAL Sábado 3 agosto 11.30 - Apertura da mostra 13.00 - Sesión vermú: Os Canallas. 14.00 - Xantar 17.00 - Pregón: Antón Santamarina 18.30 - Concerto: Lembranzas do Tambre 20.00 - Sorteo: Bombo de treboada 21.30 - Peche da mostra Domingo 4 agosto 11.30 - Apertura da mostra 12.30 - Obradoiro de Treboada. Imparte Oli Xiráldez 14.00 - Xantar 17.00 - Obradoiro de baile. Imparte Ruth Pérez 18.30 - Concerto: Silvaredonda 20.00 - Sorteo: Tambor de nogueira 21.30 - Peche da mostra ARTESÁNS E ARTESÁS NA 31ª MOSTRA DE INSTRUMENTOS DE MÚSICA TRADICIONAL AGG / Asociación do baile e a música de tradición galega Alberto Pires / Gaitas / Pontesampaio Aragón y Parrado / Gaita irlandesa - Uilleann pipe / Guadarrama – Madrid Artesanía JMR / Instrumentos de percusión e accesorios musicais / O Pino Carlos da Silva / Fabricación de instrumentos de vento / Vilagarcía de Arousa Caroline Lacombe / Bouzuki irlandés, mandolinas, tarrañolas e mandolas / Barcelona DJB e Filla / Instrumentos de corda / Soutomaior Fernando Meireles /Corda portuguesa e zanfonas /Coimbra Francisco Luengo / Luthier de instrumentos medievais, renacentistas e barrocos / Brión Guillermo Camacho / Instrumentos de corda / Vitoria-Gasteiz (Álava) Iago Salgado / Instrumentos tradicionais / Teo Jaime Pena / Artesán Palleteiro / As Pontes Joan Pellisa / Lutier i investigador en organología /Fatarella - Cataluña Kepa Rubio / Luthier / Álava Lorena Reinaldo /Instrumentos de corda / Soutomaior Manels Percusión / Percusión tradicional / Ordes Master Gaita / Gaita electrónica / Sada Nebra / Instrumentos tradicionais / Porto do Son Miguel Rivas / Artesán de instrumentos tradicionais de percusión e vento / Vigo O Reberete / Vento e percusión tradicional / San Cristovo de Cea - Ourense Obradoiro Barciela / Gaitas / Carballal - Vigo Obradoiro Seoane / Instrumentos de percusión tradicional / Teo Oli Xiráldez / Gaitas e requintas / Calo - Teo Laboratorio de cordas / A Coruña Queima / Instrumentos tradicionais de vento e percusión / Redondela Rebollo Instruments / Zanfonas / Beluso Regos Pandeiretas / Obradoiro de Pandeiretas / Ordes Roi Earan / Luthier / Pontevedra Suso Gestal / Instrumentos de vento / Abellá Tunhas / Percusión / Ames V. Martín González / Luthier - Construción e restauración de instrumentos de corda / Vilaboa Xaneco / Percusión e zanfonas / Outeiro de Rei Xermán Arias / Luthería e zanfonas / Sarria Xosé Maceda / Instrumentos de percusión tradicional / Monforte Un programa de actividades aberto a todas as persoas interesadas na cultura tradicional, co que agardamos que gocedes deste encontro para a comunicación, o intercambio e, por suposto, a ledicia. Xa nos vemos en Pardiñas!
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar