O Butelo de A Fonsagrada ten a súa orixe no labor de conservar a carne de porco tras a matanza.
A Feira do Butelo da Fonsagrada nace en 1998 co reto de dar a coñecer o Butelo, un produto estrela na Fonsagrada e que tanto gusta a quen o proba.
No ano 2018 a Feira é declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.
O Butelo elabórase con carne de porco de gran calidade e de forma tradicional e natural, sen colorantes nin conservantes.
Os seus únicos ingredientes son: costela e outras partes do porco, sal, allo e pemento doce e picante. Adóbase a carne, embútese dentro do estómago ou tripa grosa do porco e cósese a man.
A curación é outra das claves, tanto por ser na alta montaña de Lugo (900 metros de altitude), como porque se afuma con leña de carballo, o que lle dá ao Butelo un sabor excepcional e o alcume: O Rei da Montaña.
A feira do Butelo da Fonsagrada celébrase a semana anterior ao Entroido polo que é unha gran ocasión para mercar todos os ingredientes necesarios para desfrutar dun rico cocido galego nesas datas.
Ademais do Butelo, na feira pódese adquirir chourizo, touciño, cachucha, espinazo e calquera tipo de salgadura de porco, e na carpa, atoparemos produtos gastronómicos de Galicia de proximidade como verduras, hortalizas, pan, queixo, mel e sobremesas típicos do entroido galego como son as orellas e as filloas que poderás acompañar con viño da Ribeira Sacra ou cervexa artesá de A Fonsagrada.
Pois como en toda boa Festa ou Feira Galega gozarase da mellor música en vivo coas Orquestras e Bandas tradicionais da zona.
Tamén poderemos desfrutar dos bailes tradicionais a cargo da Asociación Antaruxas e Sorteiros de A Fonsagrada, descubrir os oficios e artesanía galega, e asistir á Gala de entrega do Premio Butelo de Ouro.
Plans que podes facer tanto se vas só, coa túa familia ou con amigos.
Visita o Museo etnográfico de A Fonsagrada e descubre a vida na aldea, instrumentos musicais caseiros e oficios tradicionais (zoqueiros, carpinteiros, ferreiros, tecedores, cesteiros…).
Se che gusta camiñar, o roteiro de Seimeira de Vilagocende, de seguro e un plan perfecto! Sabías que é a segunda fervenza máis grande de Galicia, cunha caída libre de 54 metros. Espectacular!
Os Festigaleiros KIDS tamén gozarán como ananos…
Distintas opcións para distintos petos: hoteis, apartamentos, pensións, cámping… ata unha vila. Que ningún Festigaleiro quede sen gozar da Feira do butelo da Fonsagrada!
En todos os restaurantes da Fonsagrada poderás saborear o butelo cos seus chourizos, grelos e patacas cocidas.
E de sobremesa… unha bomba: o Pastel da Fonsagrada.
Non che contamos máis… tes que vir ti, coa túa familia e amigos a probar todas esas delicias gastronómicas.
“A Fonsagrada, para sentila, naturalmente!”
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar