Esta xoves, 18 de decembro, conmemoramos o Día Internacional das Persoas Migrantes cunha axenda cargada de actividades compartidas coa comunidade do noso Museo. Entre elas, queremos convidarvos de xeito especial a participar no roteiro resultante do proxecto Cartografías da Acollida, unha iniciativa que pon o foco na memoria viva e na construción colectiva do territorio. Este percorrido non é só un paseo xeográfico, senón unha viaxe polos lugares recollidos nun mapa trazado durante as últimas semanas a partir das experiencias vitais de persoas que, nun momento dado, chegaron a Lugo para iniciar unha nova etapa desde cero. A través desta cartografía emocional, sinalamos espazos significativos, pero por riba de todo, destacamos a aquelas persoas que converteron a empatía e a amabilidade nunha forma de habitar esta cidade que hoxe é patrimonio de todas e todos. A cita terá lugar entre as 16:15 e as 18:30 horas, iniciando o camiño na Casa das Asociacións María Mariño e rematando a xornada no Museo Provincial de Lugo. É unha oportunidade única para mirar a nosa contorna dende outras perspectivas e recoñecer os fíos de acollida que tecen a nosa comunidade.
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar