A Asociación de Gaiteirxs Galegxs - AGG, xunto coa Vicepresidencia. Deputación de Lugo - área de Cultura e o Concello de Folgoso do Courel, organizamos o vindeiro sábado 26 de abril, a terceira edición das xornadas sobre a CARBALLESA, que terá lugar en Seceda do Courel! Queremos que non esvaeza unha das riquezas culturais que hai na zona oeste do Concello de Folgoso do Courel. Neste recuncho do concello, nas parroquias de Eiriz, do Carballal, de Seceda e no veciño Val do Incio, tocábase e bailábase unha muiñeira característica que se chama Carballesa. 🩵Dende a AGG sentimos que temos a obriga de loitar por conservar o noso; e ademáis homenaxear e lembrar aos nosos antecesores e as súas ensinanzas e tamén a toda a xente que traballou e que fixo recollidas para que estas riquezas culturais chegaran ata os nosos días. E queremos facelo con esta terceira edición da xornada sobre a Carballesa, na que temos previsto realizar un Obradoiro práctico de Carballesa, que impartirá Xisco Feijoó, facer unha sentida homenaxe aos informantes, músicos e bailadores da zona, que nesta ocasión incluirá a O Courel, O Incio e Samos, e facer posteriormente un filandón aberto para todos os e as asistentes, onde haberá unha representación por parte das veciñas e veciños de Seceda, seguidamente iniciarase o baile co grupo de música tradicional formado por @Branca Villares e @Pablo Pintor, Troupelear, e rematarase o día co concerto Traede Ferrallada a cargo de Xisco Feijoo. Esta actividade contará tamén coa colaboración de Caurelor, Coumel e Delicias do Souto. 🥰Animámosvos a todas e a todos a acompañarnos nesta xornada, a desfrutar da nosa música e do noso baile e convidámosvos a que traiades os vosos instrumentos, e a gozar dun marabilloso día cheo de música tradicional e a maiores, nun entorno incomparable. 👉Aquí vos deixamos o programa da III Xornada de CARBALLESA 26 de abril de 2025 – Seceda do Courel - 11.00 horas - OBRADOIRO PRÁCTICO de CARBALLESA – Imparte : Xisco Feijoo - 14.00 horas – XANTAR - *a cargo de A Carqueixa con reserva - 17.00 horas - HOMENAXE A INFORMANTES, BAILADORES E MÚSICOS DA COMARCA (Courel, O Incio e Samos) - 17.45 horas - FILANDÓN - 18.00 horas - BAILE – TROUPELEAR con Branca Villares e Pablo Pintor - 19.30 horas – Concerto TRAEDE FERRALLADA a cargo de Xisco Feijoo A través de actividades como esta, pretendemos non só difundir a cultura tradicional, senón que ademais queremos fomentar este tipo de encontros, que consideramos imprescindibles, para contribuír e potenciar a divulgación da nosa cultura e a súa conservación. Dende a AGG traballamos arreo para que a nosa cultura e as nosas tradicións non caian no esquecemento e sexan un patrimonio vivo do que sentirnos orgullosos.
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar