Running, unha suorenta comedia De Ste Xeito, chega ao Concello Xunqueira de Espadañedo, este mes de Setembro. En escea, unha actriz e un actor que terán que suar a camiseta para meterse na pel de todas as personaxes desta vertixinosa comedia. A cita de este evento será o próximo Sábado 14 de Setembro, ás 20:30 horas, no Salón de Actos de Xunqueira de Espadañedo. Os actores Stephy Llaryora e Sergio Macías serán os protagonistas desta nova historia de «amor» e de «humor» da directora e dramaturga Esther F. Carrodeguas. Trátase dunha vertixinosa peza cómica con mensaxe final… parodia da nosa ocupadísima vida actual coas súas eternas présas, ese maratón de teléfonos, móbiles, obrigacións familiares, persoais e laborais… que pretende reflexionar sobre a cabida que pode ter nesta acelerada dinámica “sempre Running” o amor, e en última instancia a relación cun mesmo. Información do evento 👉 Entrada gratuita. Aforo limitado. ◾ Reservas anticipadas a través de mensaxe de WhatsApp aos números de teléfono 630742946 ou 656473338. ◾ Máis información no siguente ligazón. Evento de Facebook. ◾ Evento organizado polo Concello de Xunqueira de Espadañedo coa colaboración da Deputación de Ourense dentro do programa cultural da Rede de Auditorios Provincial de Ourense. Sinopse de Running Xulia e Román acaban de coñecerse e o primeiro WhatsApp non tarda en chegar: “¿Quedamos? Veña, ¡si! ¿Pero cando?” Fillas e fillos de parellas anteriores. Nais divorciadas. Avós na residencia. Adolescentes co pavo. O pequeno coa crise dos 8. Os grandes coa dos 40, coa dos 50, coa dos 60. Clases de ioga para liberar o estrés, patinaxe artístico os luns, danza jazz os martes. E ser taxista. Das fillas, dos fillos, das fillas dos demais, do pai, da nai, da avoa, dos primos. E os deberes. Os deberes da escola e o resto de deberes. Deberes e obrigas. Coidar de todo e de todos menos dun mesmo. ¿Como facer que as axendas cadren? E por outra banda: ¿de verdade quero comezar algo novo que poida supoñer máis deberes e menos pensar nun mesmo? Romeo e Xulieta tiñan as familias na contra dun amor prohibido. Xulia e Román aínda non saben se tanto se queren, pois as súas familias, as súas vidas, e os seus propios medos impiden brindar con esa primeira cervexa que podería facer nacer ou morrer o amor eterno.
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar