N/D
22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC

22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC

A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC, acollerá os días 25 e 26 de abril na Caixa Negra do MIHL de Lugo, ás 20.30 horas, a presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. Á Compañía de Danza da USC, baixo a dirección de Juan Carlos Zahera e nacida ao abeiro do Espazo de Danza da USC, únense a Aula de Danza do Campus de Ourense da Universidade de Vigo e a Aula de Danza da Universidade da Coruña. A entrada é aberta e de balde. 

Programa

A Aula de Danza da Universidade de Coruña abrirá o programa de representacións do 22º Encontro Universitario de Danza da USC o xoves 25 de abril, a partir das 20.30 horas na Caixa Negra do MIHL, coa obra '...E todo o demais non importa', unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.

'Migracións', da Compañía de Danza da USC, coreografiada por Rosa Acuña e con dirección artística de Juan Carlos Zahera, será a representación que siga.

O venres 26, ás 20.30 horas, intervirá a Aula de Danza do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, coa obra titulada 'Bolero', unha coreografía colectiva con dirección artística de Nuria Sotelo.

De seguido e rematando o Encontro de Danza da USC actuará de novo a Compañía de Danza da USC coa coreografía 'Migracións'.
Download App iOS
VIRAL App
Download App Android