19:30
Relatorio arredor da novela '70º Norte', de Xaime Toxo

Relatorio arredor da novela "70º Norte", de Xaime Toxo

Relatorio arredor da novela:

“70º Norte”

Autor: Xaime Toxo (escritor, presidente do Ateneo de Pontevedra)

Interveñen: Ramón Rozas (xornalista de Diario de Pontevedra, crítico de arte), Ana Corzo (poeta), Carmen Quinteiro (poeta) e Xaime Toxo

Día: xoves, 26 de outubro de 2023

Hora: 19:30

Lugar: café Bizarro (Club Naval Pontevedra; Av. de Uruguai, s/n)

O Ateneo de Pontevedra organiza un relatorio arredor da novela 70º Norte, de Xaime Toxo, publicada por Editorial Galaxia.

O acto terá lugar o vindeiro xoves 26 de outubro, ás 19:30 horas, no café Bizarro. O autor estará acompañador por Ramón Rozas, Ana Corzo e Carmen Quinteiro.

A entrada é libre ata completar capacidade.

Da obra

O colapso social acontece nas grandes áreas metropolitanas indiferentes ao que non sexa o seu propio ritmo desaforado de desenvolvemento.

Unha praga contaxiosa con matices de maldición bíblica, leva á civilización postindustrial aos límites da desaparición. No medio dunha extinción, sen conciencia do perigo, un pequeno grupo intúe que o paradoxo da salvación radica nas persoas que permaneceron illadas nos remotos contornos dunha natureza tan implacable como imprescindible.

A Colonia é como denominan o campamento nómade onde viven. Moverse cara ao norte non é unha opción, senón unha condición de supervivencia.

A miles de quilómetros do ruído das urbes, o destino da especie humana está en saberse unha parte máis do planeta que habita.

Do autor

Xaime Toxo (Bueu, 1955) é licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación, xestor cultural, presidente do Ateneo de Pontevedra e escritor.

No seu haber conta, entre outras publicacións, cos libros de relatos As palabras que move o mar (2015) e Protexer o invisible (2016), e os textos poéticos Cadernos do mar (I e II, 2014), en colaboración co pintor Antón Sobral, e A casa sen nós (2019).

Recibiu o Primeiro Premio do Certame “O xadrez faise palabra”, convocado pola ONCE no ano 2000; accésit do Premio Modesto R. Figueiredo 2002; primeiro Premio do Certame de relatos do Concello de Paradela 2002; primeiro Premio do Certame Manuel Murguía de narracións breves 2004; accésit do Premio Modesto R. Figueiredo 2011 e accésit no Certame Manuel Murguía 2011.

70⁰ Norte é a súa primeira novela.

COLABORA: Café Bizarro.

Download App iOS
VIRAL App
Download App Android