N/D
Festa da Istoria en Ribadavia

Festa da Istoria en Ribadavia

Na xudería de Ribadavia celébrase unha das festas medievais máis auténticas de todas as que teñen lugar en Galicia. Desde toda a xeografía galega chegan neste día autobuses e automóbiles particulares para participar dunha xornada de inmersión na historia, concretamente na época de esplendor do pasado da capital do Ribeiro, arredor do ano 1600, cando a comercialización do viño no estranxeiro acadou elevadísimas cotas e a comarca do Ribeiro se converteu nun dos territorios máis prósperos de España.

A xornada comeza o sábado pola mañá coa lectura do bando da Istoria polas rúas e prazas da vila. O barrio xudeu, engalanado ao estilo medieval, acolle postos de produtos gastronómicos, con bancos e mesas para poder comer, e de produtos artesanais, nos que é imprescindible pagar con marabedís (previo cambio de moeda nunha oficina instalada no Concello).

O mellor xeito de gozar da festa é ir ataviado ao estilo medieval, non importa a personaxe nin o seu rango social, e para lle facilitar o labor aos asistentes, a organización da festa dispón de miles de traxes para alugar. Así, poderase participar no desfile da Istoria, aberto a calquera que vaia vestido de época, ou na cea medieval, no recinto do castelo dos Sarmiento, na que nobres e viláns dan conta dos produtos máis típicos da gastronomía galega acompañados dos bos viños do Ribeiro. A xornada está amenizada por un intenso programa de actividades, desde xogos para nenos e xadrez infantil vivente, ata loita de cabaleiros, bailes de donas sen cabaleiros, voda xudía, demostracións de cetrería, tiro con arco… todo na máis pura escenografía medieval.
Download App iOS
VIRAL App
Download App Android