17:30
Cantares de cego

Cantares de cego

Dentro da nosa tradición, existe un personaxe que tivo unha grande importancia na cadena de transmisión, non só oral senón tamén escrita, de lendas, mitos, relatos, versos e incluso prosas: ese personaxe é o cego. Por causas de sociedades pasadas, os cegos estaban privados de realizar a meirande parte dos traballos cotiás, e para ganarse a vida usaban a palabra e a voz; recitando e ata rezando por encargo. Cantores, comunicadores de novas, moitas veces eivados e por veces esmoleiros, aparecen xa documentados en Exipto e Sumeria hai máis de 4000 anos, mentres moitos dos cegos da nosa tradición vivían de vender os pregos de cordel, onde aparecían as historias que eles mesmos relataban.

Estaban acompañados musicalmente por violín, zanfona ou incluso acordeón; pero ademais sempre se acompañaban do seu inseparable lazarillo. O espectáculo Cantares de Cego trata de recrear esas actuacións que facían estes personaxes polos pobos e aldeas galegas. Con Oli Xiráldez como Cego e Gustavo Couto como Lazarillo, esta formación de Carapaus interpreta romances, crimes, mitos e historias recollidas na nosa tradición, pero van un pouco máis lonxe. Aportan un toque de humor ao que foi este duro oficio na antigüidade, e crean novas historias con temas actuais que por desgraza nunca pasan de moda (como a política ou a nova emigración), pero sempre dende o punto de vista irónico e sarcástico da vida. Pensado para animación de rúa, feiras, festas e todo tipo de torreiros, neste espectáculo coñeceremos como se comunicaban as novas antes da radio, televisión e internet, pero tamén haberá momento para cantar, bailar e brincar.
Download App iOS
VIRAL App
Download App Android