“Vés das mans das avoas das nosas avoas, / moi ilustre señora, filloa, vella amiga, / fino corpo lixeiro, / leite e fariña triga, / para ti a nosa festa, para ti as nosas loas. / Se con mel ou con azucre, toda amor, te nos doas, é / xusto que adozada a nosa lingua diga / por mellor festexarte tamén unha cantiga / en Muimenta onde hoxe raíña te coroas”. Así comeza a “Oda á filloa”, que compuxo a veciña de Cospeito Marica Campo para enxalzar unha das máis afamadas mostras da repostaría tradicional galega, esa sobremesa que noutros lugares se chama crêpe e que en Galicia recibe o nome de filloa ou freixó. Na parroquia de Muimenta, por iniciativa dos empresarios da zona, celébrase desde 1992 unha festa gastronómica na súa honra., coincidindo co Día dos Traballadores, o 1 de maio, que constitúe unha xornada de convivencia entre veciños e forasteiros e unha reafirmación do espírito rural e do seu porvir na comarca. Filloeiras e filloeiros afánanse na elaboración de milleiros de filloas (auga, fariña, sal e ovo, aínda que tamén se fan sen ovo) que se degustan xunto ao churrasco e os chourizos crioulos, que son o complemento gastronómico típico desta festa. Así, ao recinto feiral, onde artesáns como zoqueiros, ferreiros ou cesteiros venden as súas creacións e fan demostracións en vivo dos seus vellos oficios, o público achégase para comer ou só para mercar as filloas e degustalas na casa. A Festa da Filloa de Muimenta, que naceu como iniciativa para recadar fondos para a organización da Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu) –un certame anual de carácter gandeiro, no que ten lugar a Exposición de Raza Rubia Galega e o Concurso de Raza Frisona, ademais de exposición de maquinaria agrícola e unha poxa de gando selecto–, ten hoxe personalidade propia, e recibe anualmente arredor de 25.000 persoas. Grazas a ela, os habitantes da zona devolveron a filloa ao lugar preponderante que lle correspondeu sempre na gastronomía da zona e recuperaron para as súas casas as pranchas típicas na súa elaboración. Foi declarada de Interese Turístico Galego en 2008.
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar