00:00 hasta las 00:00
Semana dos Museos 2026
-
Evento destacado
- Evento terminado
- Guardar evento Evento guardado
Como todos os anos, o Museo Universitario Domus do Mitreo da USC súmase en maio ao Día Internacional de los Museos impulsado polo ICOM. Ademais das dúas xornadas de portas abertas que tiveron lugar esta fin de semana, o Museo ten preparadas outras dúas actividades. A primeira será o 27 de maio ás 19.00 horas na Sala de Prensa do Pazo de Montenegro, coa presentación do sétimo volume da colección Philtáte editada polo Servicio de Publicacións da Deputación de Lugo que dá a coñecer investigacións inéditas sobre a antiga Callaecia e o mundo romano. Nesta ocasión, a monografía Aut recepti beneficio obligatos putant. Formas “no coercitivas” de transformación indígena analiza distintas formas de integración “non violenta” que Roma aplicaba ás comunidades locais. Máis de vinte investigadores de diversas universidades e centros de investigación de España, Portugal, Francia, Italia e Gran Bretaña contribuíron neste número. O acto contará coa presenza da vicerreitora de Cultura da USC, Ana Cabana; dos dous directores científicos da colección, os docentes da USC Mª Dolores Dopico (directora científica do Museo da Domus do Mitreo) e Manuel Villanueva; e da deputada de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo, Iria Castro Fernández. Por outra banda, o venres 29 de maio o museo organiza unha xincana co título ‘Coñecendo Lucus Augusti a partir da Domus do Mitreo’. As persoas participantes terán que desvelar varias pistas e enigmas que lles permitirá descubrir os restos da antiga Lucus Augusti dunha forma diferente e interactiva. Esta actividade apta para todas as idades, que dará comezo ás 18.00 horas diante da Domus, é gratuíta pero ten as prazas limitadas, polo que é necesario inscribirse en museomitreo.lugo@fundacionusc.gal.



