A área de Muller, Igualdade e Inclusión conmemorará o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, con varias actividades entre as que destaca un roteiro polo adarve da muralla para formar unha “Marea de Bolboretas” con papaventos que serán entregados á cidadanía á que se invita a participar. Este percorrido, con saída o sábado ás 18.00 horas desde a Casa do Concello, realizarase polo adarve da muralla no que se empregarán papaventos con forma de bolboretas que serán entregadas á cidadanía para que poidan voalas no exterior e encher así o ceo cos camiños que describen durante o seu voo. En caso de chuvia, a saída da marcha manterase desde o Concello para despois dirixirse ao quiosco da Praza Maior, que rodearase cos papaventos. Ademais deste acto, o programa para conmemorar o 8M, inclúe outras actividades coas que se pretende abarcar distintos eidos da sociedade. Así o deportivo estará moi presente, e de feito, a programación comezará cun 3x3 de baloncesto, mañá venres, de 17.00 a 20.00 horas, na praza de Augas Férreas, coa asistencia de varias xogadoras do Ensino e do equipo do Breogán veteranas. Na conmemoración do Día Internacional da Muller tamén figura a terceira proba do XXIII Circuíto Corre Con Nós - Corre con Elas 2025, que terá lugar o domingo 16 de marzo, no barrio de San Fiz, a partir das 12.00 da mañá. Contos e xornadas de saúde, en clave feminina Co obxectivo de promover a igualdade tamén entre as cativas e cativos, a área de Muller porá en marcha os Martes de Contos para a Igualdade, con entrada libre e gratuíta ata completar aforo, nunha aposta dirixida ao público infantil e familiar. Para o martes, 11 de marzo, está programada ás 17.00 horas, no centro de convivencia Maruja Mallo, “Contamos en Igualdade. Contos para non perder”, da man de Ángeles Goas. O día 18 de marzo, o auditorio do Vello Cárcere, acollerá Maxia en Feminino ca maga Fani e o seu espectáculo A fábrica de feitizos, ás 18.00 horas. Por último, o 25 de marzo, no MIHL, á mesma hora, terá lugar a actividade “Contos vellos, novos finais”, da man de Caxoto. A celebración do 8M tamén porá o acento na saúde das mulleres, para o que están preparadas as Xornadas de Saúde Feminina, que terán lugar o 21 de marzo, ás 18.30 horas no auditorio do Vello Cárcere, cunha conferencia sobre “Prevención e enfermidade Cardiovascular na Muller”, a cargo do Xefe de Servizo de Cardioloxía do HULA, o doutor Carlos González-Juanatey. Por outra banda, desde a concellería de Muller, Igualdade e Inclusión infórmase de que a cerimonia de entrega dos premios “Entre Mulleres” deste 2025, que ía ter lugar no Salón de Plenos do Concello, queda aprazada.
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar