INAUGURACIÓN o martes 10 con entrada libre
Nerea Cordeiro presenta Sobre debuxar, fiar e habitar, un dos traballos seleccionados na convocatoria de proxectos de intervención artística para a Zona C.
A partir dunha linguaxe propia e característica, a creadora investiga como a liña trazada no papel pasa a ocupar o espazo coa incorporación do fío que o cruza, procurando deste modo a converxencia entre o debuxo, a escultura e a arquitectura. Unha praxe que tamén desenvolve na tese de doutoramento que está a realizar e na que indaga sobre a interconexión que pode darse entre o lugar e a arte. Este novo traballo que pasa a habitar a Zona C serve de continuidade a dous proxectos anteriores da autora, Cidades telaraña (2022-2023) e Figuras de cordas (2023-).
Nas súas obras Nerea Cordeiro amosa un interese particular por explorar todas as posibilidades do espazo, entendido como o lugar físico no que nos desenvolvemos como individuos. Tecer e morar, como fiar e habitar, son os dous infinitivos que enche de significado procurando dar resposta a estas inquedanzas constantes nos seus traballos. Coa súa propostas, a artista tece unha disposición de arañeira que xera unha linguaxe visual e textual, e mora no taller e no espazo expositivo.
En Sobre debuxar, fiar e habitar continúa o site specific que realizou no ano 2022 no centro cultural Matadero de Madrid. Unha investigación sobre a memoria, a disposición en rede e o lugar de traballo e creación á que lle dá continuidade agora no primeiro e segundo andar da Zona C, dispoñendo e ocupando o espazo con pezas que deben ter en conta o condicionante de tratarse dun edificio catalogado BIC (Ben de Interese Cultural).
Fuente: https://www.compostelacultura.gal/espectaculos/evento/zona-c-%C2%B7-sobre-debuxar-fiar-e-habitar-%C2%B7-nerea-cordeiro
VIRAL utiliza ricas galletitas (cookies), si sigues navegando aceptas su uso. Saber más.Aceptar