19:00
Airiños da Freba

Airiños da Freba

Airiños da Freba é un sexteto de música tradicional con máis dunha década de historia e cun repertorio orixinal, baseado en recollidas propias e investigacións, co fin de aportar frescura a quen o escoita, pero tamén transmitir a sensación de que aínda queda moito por descubrir do noso inmenso patrimonio musical. 

Galardoados nos Premios Martín Códax da Música 2022 na categoría de Música Tradicional, a proposta que nos traen estes lugueses é unha divertida viaxe no tempo pola súa provincia, concretamente aos anos 30, 40 e 50 do século pasado, cando quintetos, diversos conxuntos e orquestinas amenizaban as nosas festas.

100% Música tradicional de Lugo para bailar e lembrar con saudade aquelas festas de roupa amidonada, de iluminación con luz “de gas”, ou aquelas ringleiras de bombillas no campo da festa.

No seu haber, dous discos publicados: a súa ópera prima, "O´de lacón" (2017), e o máis recente, "Con grelos" (2020), un mañuzo de pezas apañadas polas hortas lucenses, que dan boa conta da riqueza do "nabal" do noso patrimonio etnomusical, no que tamén inclúen a emigración a Barcelona e á Arxentina. Todo un convite ao baile e á festa!
Download App iOS
VIRAL App
Download App Android